O avión do odio de HAZTE OÍR (deberían chamarse HÁZTELO VER)

2nd Agosto 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en O avión do odio de HAZTE OÍR (deberían chamarse HÁZTELO VER)

Teño un recordo de cando era moi neno e meus pais me levaban á praia d’Os Olmos de Vigo: unha avioneta de NIVEA tirando balóns sobre unha rapazada histérica (eu era un deles) á procura dun daqueles inchables azuis que deveciamos por ter. Lembro ese momento en cores apagados, coma unha foto dos anos 70. Lembro un bañador de raias verticais e un caldeiro e unha pa amarela. A miña nai sentada na toalla. A meu pai de pé, enorme e cos brazos cruzados. E ao meu irmán, dez anos máis grande, correndo máis rápido ca min e conseguindo un daqueles balóns de NIVEA. É un sabor de tortilla fría. De bisté empanado. De Fanta de laranxa. De “vamos a la playa calienta el sol, chiribiribí, porompompón”.

Debe de ser por esa lembranza marabillosa que sempre que estou na praia e escoito o son dunha avioneta, ergo os ollos e sorrío emocionado por se son os de NIVEA para lanzar balóns azuis. Xuro que sería un deses tolos adultos que correría feliz na procura dun deles entre os nenos e as nenas, apartándoos a cobadazos e empurróns. Mais iso xa non pasa e NIVEA xa non agasalla balóns azuis dende a avioneta. Agora adoitan ser avionetas con pancartas de inmobiliarias. Nada fermoso.

Pero moito máis, sen dúbida, que a avioneta que vai empezar amargar o verán de moita xente, a de HAZTE OÍR, e que vai señorearse dos ceos de España baixo do lema LEI MORDAZA LGTBI: VAN A POR TUS HIJOS.

Deixar atrás a infancia é duro. Pero ver que os imbéciles teñen un avión para cuspir merda sobre a xente, moito máis.

Perverso. Pervertidos. Perversión.

1st Agosto 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en Perverso. Pervertidos. Perversión.

Hai algo de perverso, de enfermizo, de soez, nas caras desas persoas que saen a apoiar a Cristiano Ronaldo, a Messi, que os aclaman, que saen á rúa a berrar que están con eles, que moito ánimo, que es o mellor. Hai algo que ten que estar mal aí. Se colles os vídeos e paras a imaxe verás que son xente normaliña, traballadores probablmente que meten moitas máis horas das razoables en traballar coma mulas para sacar o xustiño para comer e, con sorte, pagar o abono do estadio ou as cañas do bar onde ven os partidos e onde se alegran, ou choran, segundo lles vaia a Cristiano ou a Ronaldo. Son as mesmas caras que vitoreaban a Cachuli entrando nos xulgados, ou á Pantoja camiño da prisión.

Ten que haber algo que funciona mal dentro das cabezas de toda esa xente humilde que sabendo que tal ou taloutro político é un corrupto e responsable de moitas das súas desgrazas, aínda así din que están a morte con eles, que non van deixar de botarlles.

Moita desa xente que está con Cristiano, con Messi, con toda esa pobre xente que persegue Facenda, ven con bos ollos que lle metan un puro ben metido ao quinqui do barrio que rouba un móbil para financiarse a heroína. Son os mesmos que piden “man dura” para todos eses ladróns de terceira división que de tan parvos, sempre os collen.

Ten que haber algo que funciona mal. É todo perverso.

Un franquismo “legal”

27th Xullo 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en Un franquismo “legal”

Lemos hoxe dúas novas, cando menos, inquietantes. Por unha banda, que La Falange pide inmunidade para poder seguir cantando o Cara Al Sol. A cousa é en Aragón, onde a Lei de Memoria Democrática prohibe a manifestación pública de “expresiones ofensivas, vejatorias o atentatorias contra la dignidad de las víctimas de la guerra civil”. Así pois, non a poden cantar máis que na intimidade, o sitio aquel onde Aznar fala catalán. Xa de paso, reclaman que poidan usar a bandeira coa aguia, o xugo e as frechas. Na súa argumentación falan de que se respecte o “pluralismo político” e o “respecto democrático”.

Por outra banda, lemos que a Fundación Francisco Franco faise co control da xestión das visitas do Pazo de Meirás, xa saben, ese que se roubou ao pobo para llo dar á familia que aínda hoxe sigue sendo a súa propietaria. Os novos “xestores” (están obrigados a permitir a visita pública de quen o desexe, xa que a Xunta o declarou Ben de Interese Cultural, e polo tanto ten que estar aberto ao público catro días ao mes como mínimo) xa avisaron que durante agosto non atenderán nin o teléfono nin lerán o mail para as reservas. Están de vacacións. Igual no Azor ou algo así. Eles agora son os donos dos tempos do Pazo, así que o que fan é legal.

O franquismo, en España, é legal e protexido pola lei. Así de simple. Así de vergoñento.

A mirada náufraga 1: O tempo

21st Xullo 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en A mirada náufraga 1: O tempo

O tempo. Aquel señor de pelo estrambótico e lingua por fóra explicou que era relativo. Debe de ser. Iso penso dende os meus 50 anos que me chegaron sen que me decatase. Pero non é diso do que quero escribir, senón da relatividade do tempo, desa evidencia física incomprensible que nos di, e aceptamos, que se dous astronautas viaxaran á velocidade da luz dous minutos ao volver serían máis novos que os seus fillos. Oímolo de cativos e repetímolo como sen pensar, asumindo esa verdade aínda que non a poidamos comprender. Como acontece case que sempre. É doado manipularnos. É cuestión de tempo.

A verdade, ou a posverdade, concepto de moda, é relativa. Coma o tempo. De feito é moito máis relativa que o tempo. Tanto é que se sentas (por seguir con exemplos imposibles, como o da viaxe á velocidade da luz), se sentas, digo, a un grupo de seareiros do Dépor e outro do Celta vendo O Noso Derbi e hai unha xogada dubidosa dentro da área e se pasa a cámara suuuuuppppperrrrrlenta (ralentizando o tempo) moooooooiamodddiiiiiñññño (tempo estirado elástico plástico diluído) aínda así, uns verán un penalti coma unha casa e os outros un piscinazo merecente dun Óscar de Hollywood (quero dicir, dun Mestre Mateo).

O tempo e a verdade son relativos. Debe de ser por iso que pasan 40 anos das primeiras eleccións, e moitísimos máis (tempo estirado elástico plástico diluído esquecido ignorado humillado) de corpos apodrecidos nas cunetas, de esqueletos olvidados polo posfranquismo (que é como a posverdade, unha maldición) e directamente non existen, non están, non son. O tempo non é relativo para celebrar as eleccións, ou para o cabreo do Rei Emérito (pensei que se chamaba Juan Carlos) porque se esqueceron da súa persoa nos fastos (todo é relativo, maxestade), nin para pendurar medallas nos pescozos amigos. Pero para facer xustiza ou memoria histórica ou simplemente, para amosar humanidade, si. Relativísimo.

O reloxo do tempo avanza diferente para o poder e para o resto. E se estás morto nunha cuneta, máis aínda. Quizais, cando as naves voen á velocidade da luz, poderemos sincronizar os reloxos todos: os da política, os dos dereitos humanos. E os da moral. Sobre todo eses, que andan sempre con retraso.

(este artigo publicouse na edición en papel do semanario Sermos Galiza do día 13 de xullo de 2017)

O barco racista e o 18 de xullo

18th Xullo 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en O barco racista e o 18 de xullo

Hoxe soubemos que unha asociación xenófoba de ultradereita (perdón pola redundancia) chamada “Defend Europe” conseguiu 100.000 euros en donacións para fletar un barco co que percorrer o Mediterráneo para impedir a chegada de barcos con refuxiados e dificultar o labor das ONGs que traballan con esta pobre xente. Indican, ademais, que “intervirán” se ven “algo ilegal”. A cousa lembroume aos pirados que en Estados Unidos, pola súa conta e risco, patrullan a fronteira para dispararlle (“como advertencia”) aos mexicanos que entran ilegalmente no seu país.

Eu só quero lembrar que sabemos isto hoxe, o 18 de xullo, o mesmo día no que lembramos non o inicio da Guerra Civil, senón do Golpe de Estado que o fascismo deu contra unha república legal e democrática e o posterior establecemento dun estado que provocou un holocausto.

Poño os dous asuntos xuntos porque todas e todos somos moi intelixentes e somos quen de ver a relación entre unha cousa e a outra. E aproveito para lembrar que o nazismo, a xenofobia, o racismo e o fascismo (perdón polas redundancias) cada vez son máis fortes en toda Europa.

Morrer no traballo

14th Xullo 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en Morrer no traballo

Na película “12 anos de escravitude” de Steve McQueen,  hai unha escena especialmente brutal (das moitas que hai). Refírome ao momento no que, baixo do sol agotador do sur dos Estados Unidos, na plantación de algodón onde o pobre protagonista vive a súa traxedia (era un negro libre, pero foi secuestrado -no Norte, onde xa estaba abolida a escravitude- e vendido de novo ao Sur) de súpeto un dos homes escravos cae fulminado e morre pola calor. Os compañeiros non se atreven a atendelo porque o capataz, látego en man, está preto e non quere que ninguén deixe de traballar. É el quen se achega e caga en todo por perder un traballador (aos seus ollos, un animal) e agora vai ralentizarse a produción.

É unha historia de negros escravos dun tempo xa moi afastado.

Onte, en Almería, un traballador que asfaltaba unha carreteira en Morón, malia a alerta laranxa e con máis de 40 graos de temperatura (os sindicatos lembraron logo da traxedia que hai un acordo para o sector que prohibe traballar en semellantes condicións: ademais da temperatura, o asfalto esténdese a 170 graos!) morreu abatido por un golpe de calor.

Como na película, caeu fulminado.

Probablemente, a algún só lle preocupará, do que sucedeu, como vai afectar iso ao ritmo da obra, á produción, ao resultado final.

E iso que a escravitude, en teoría, xa foi abolida hai  moitos anos.

A xente

12th Xullo 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en A xente

Onte coñecín unha persoa que ten moitos animais na súa casa. Non cans nin gatos senón outros, tanto ten cales, que eu nunca vira en casa ningunha. Explicoume todo o que implica telos: gastos veterinarios, de alimentación, de acondicionamento (un deles, de feito, ten que estar o 75 por cento do día en escuridade absoluta para non morrer). Sentín a súa paixón e o pracer que lle daba coidar deles. E tamén o fondo respecto que ten pola  natureza e o reino animal. E a súa responsabilidade con todos e cada un daqueles seres vivos que coida no seu fogar na compaña do resto da súa familia.

Nun momento do café, engadiu, ademais, que estaba moi farta das persoas, que cada día confiaba menos nelas e que os animais eran sen dúbida moito mellores. Lembrei aquela frase de Lovecraft: “Non teño medo á soidade. A xente é infinitamente máis perigosa”.

Hoxe Laureano Oubiña foi entrevistado na SER por Pepa Bueno (que arrancou cun “bienvenido a la cadena SER, Laureano Oubiña”, que xa doeu). O narcotraficante falou do seu financiamento a determinadas formacións políticas. E hai escándalo sobre iso. Pero a min hai algo que me doeu máis, pois aproveitou o marabilloso espazo que lle deu a xornalista nun programa de máxima audiencia, para insultar ás nais dos rapaces mortos, as nais contra a droga, suxerindo que estaban niso polas subvencións, como certo político fixo hai nada referíndose aos que buscan sacar aos seus familiares das cunetas franquistas.

Si, moitas veces é mellor estar con animais que con xente. Moito mellor.

Silencios

26th Xuño 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en Silencios

Estarei volvéndome vello, pero estiven atento ao inicio da comparecencia de Bárcenas na comisión do Congreso.Moi amable e cordial, abriu o micro para dicirlle ás súas señorías, que non ía dicir nada. Esbozou un sorriso de bo veciño e alí quedou, tan pancho e caladiño.

Silencio.

O Tribunal de Cuentas, hoxe, en Madrid, ditaminou que quedaba pechado o caso da venda de pisos públicos a un Fondo Buitre durante a época de Ana Botella (que obsceno me parece iso de falar con normalidade de “Fondos Buitre”, “Banco Malo”…) así que decreta o “carpetazo” e que non hai caso e que aquí, a calar.

Silencio.

Polo banquillo da Gürtel pasa a plana  maior do PP da época Aznar. Todos din o mesmo: no me acuerdo, yo que sé, hace mucho de eso, no tengo  memoria.

Silencio.

Moitos silencios.

Nun país, por certo, de xente calada…

Hai futuro

21st Xuño 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en Hai futuro

O pasado sábado fun convidado a participar nas Xornadas dos Clubs de Lectura, no Palacio de Congresos de Santiago, para moderar unha mesa redonda coas escritoras (as tres van publicar en breve na Editorial Galaxia) Berta Dávila, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.

Ademais do interesante que creo que foi a conversa entre nosoutras catro (baixo do suxestivo título “Botarse a escribir”), debo dicir que fiquei absolutamente alucinado diante do vigor, a forza e a enerxía desenvolvida pola organización e as 1200 persoas participantes entre rapazada, profesorado e xentes da literatura. Lede ben o número: 1200 almas gravitando un sábado enteiro arredor da lectura EN GALEGO.

Cando cheguei, xa quedei patidifuso. Entrei no Palacio á hora do café e dos bocatas, mentres saltimbanquis, funambulistas, magos, equipos de televisión e vida, moita vida, se movía dun lado a outro. Ao tempo, obradoiros con poetas, con graffiteiros, con regueifeiras… E conferencias e coloquios. E intercambio de libros. E autoras e autores mesturándonos alegres cunha rapazada lectora aínda máis alegre que non dubidaba en pararnos en calquera corredor para preguntar calquera cousa, para facer un selfie ou pedir un autógrafo.

A conclusión é a que levo moito tempo mantendo: que hai futuro. Contra do tópico (que non resiste a máis cativa análise crítica con números diante) de que a xente moza non le (botádelle un ollo aos vídeos do Reto Lector da Editorial Galaxia) atópase unha realidade brutal dunha rede de clubs de lectura por todo o pais cheos de forza, nos que se le moitísimo, onde a intelixencia e o bo gusto se cultivan dun xeito esperanzado.

Hai futuro. Xa o sabiamos. Pero hoxe teño ganas de berralo aquí.

10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 10: ANDURIÑA

20th Xuño 2017 by franciscocastro Comentarios desactivados en 10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 10: ANDURIÑA


A canción saiu cando eu non tiña nin dous anos de vida. Pero estaba na casa o “single” do meu irmán e que eu escoitaba e escoitaba e escoitaba dende que aprendín, aos tres anos, a usar o tocadiscos seu.
Hai cancións que evocan verán.
Luz.
Pero luz moi forte, moi grande, luz que manca nos ollos de tan forte.
É escoitar esta canción que me sabe a tortilla de patacas na fiambreira de estaño de mamá, a Mirinda, a area pegada nos pés, a bisté empanado, a gaseosa Feijoo.
Sabor de xeado de laranxa, os polos de Camy na da señora Purita. Meu pai dicía que eran “todo química”. A min aínda hoxe me saben.
Historias.
A miña cabeza fantasiaba coa tal Anduriña. Maxinábaa coma unha nena ceibe. Unha hippie das que falaban, con noxo, os vellos da familia. Anduriña tiña a cara de Nievitas, a miña primeira moza, aló polos 6 anos ou así.
Liberdade.
Esa canción evoca todo iso.
E é perfecta.