Archive for the ‘Xeral’ Categoría

LER E RELER OS CLÁSICOS

8th Febreiro 2012 by franciscocastro 6 Comentarios

Hai un par de días, comendo en Madrid cun grupo de editores, autores, ilustradores, etc., xurdiu, inevitablemente, a pregunta referida ao que estabamos lendo. Eu, como son dos que len varias obras ao tempo, dixen que respostaría ao final. E fun oíndo: case que todas e todos citaban obras que eran moi recentes nas librerías. Decateime de que estaban moi pendentes das novidades editoriais e de que cada título recente que alí se citaba axiña era comentado positiva ou negativamente polo resto dos comensais…

Cando chegou a miña quenda, case que pedín perdón antes de falar, pois recoñecín que, dende hai un tempo, invisto case que todo o meu tempo de lectura nos clásicos. E máis que nos clásicos, naqueles textos que me fixeron vibrar o corazón cando era neno. E expliquei que estaba a pasalo moi ben cona A illa do Tesouro, de Stevenson, e que toleaba escoitando a descrición de Jim Hawkins a bordo do barco no que vivía, morto de medo, a súa aventura canda Long John Silver. E que polas noites entregábame a este libro, do que xa sei o final pero do que gorento tanto pola súa arquitectura interna.

Xa contei moitas veces o arrepentido que estou por ter perdido, nalgunha das mudanzas, a miña colección de Joyas Literarias Juveniles, que tanto ben me fixeron na infancia. E lembrei as edicións de Bruguera, que aínda conservo na casa dos meus pais, aquelas que eran medio banda deseñadas, medio historias e que me trouxeron a Salgari e Verne e Dickens…

Daquela, unha das que estaba alí comigo, sorríndome, abriu o seu bolso e sacou un exemplar dun libro de Verne, nunha vellísima edición de finais dos setenta dunha obra de Verne en Bruguera. Explicou que era a súa lectura agora. E que quería só ler ese tipo de libros…

Chuzame! A Facebook A Twitter

O PENE DE STEVE JOBS E A PIROLIÑA DE SHIN CHAN

4th Febreiro 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Todos coñecedes a revista Muy Interesante, unha publicación que, dende os xa afastadísimos tempos das nosas adolescencias, foi achegándonos, dun xeito ameno e divulgativo, ás cuestións da ciencia. Hai décadas era unha revista gorda con moitas palabras e un aire algo serio. Dende a aparición doutras máis light coma Quo, e para manter as vendas, van metendo nas cubertas fotos máis provocativas de espidos masculinos e femininos e, sobre todo, apostando polo sexo como tema central de portada. Que non me parece mal, nin moito menos. Pero en calquera caso é, e nunca mellor dito, unha baixada de calzóns en toda regra.

A reflexión primeira é que por que esas cousas siguen chamando a atención, por que unha revista ten máis posibilidades de vender se aposta polo corpo, na súa versión máis erótica como gran tema (xa contei moitas veces que o record de entradas neste meu blog foi o post titulado As tetas de Sara Carbonero; a meirande parte das entradas eran vía Google, e por poñer no buscador, precismente, «tetas» e «Sara Carbonero»… logo, claro, chegaban á páxina dun escritor galego que lles falaba doutras cousas e marchaban correndo…).

Pois iso.

Que moita obsesión.

Que moito salido anda por aí.

Nesta liña, os de Muy Interesante, na súa páxina web informan de que a versión para iPad non se pode descargar porque aos da tenda de Apple, que si que te deixan baixar xogos ultraviolentos de matar xente, non lles pareceu apropiada a cuberta, que reproduzo aquí mesmo, na que un fornido machote sae espido e cubrindo a piroliña. Claro, como hai que vender revistas, pois están mudando a cuberta para podela vender a través do quiosco do difundo Jobs que, polo que se ve, non tiña pene.

No fondo é o de sempre e é o mesmo síntoma de enfermidade. Porque unha sociedade que dubida da sexualidade, que a censura, que a nega, é unha sociedade enferma. A nosa tradición xudeocristiana, condeadora do sexo e as súas marabillas, alentada polos roucovarelas e outros profetas da tristura, dan como resultado non a pureza nin a virtude como proclaman dende o seu puritanismo obsesivo (non sei de xente máis pendente do sexo ca os puritanos), senón a obsesión. E esa sempre é enfermiza.

Naquelas sociedades onde a xente anda espida non hai obsesión polo corpo nin por tapalo. Naquelas familias nas que se fala con naturalidade de sexo, de amor, de sexualidade, de pracer, é máis que probable que non se dean comportamentos patolóxicos a este nivel. Pero isto, claro, é o menos. O maioritario é o que xa vemos. A negación da realidade. E a obsesión, por exemplo, coa pixa de Shin Chan, o órgano sexual masculino máis inocente de todos cantos teñan pasado pola tele e, sen embargo, a que se montou no seu día con todas aquelas voces alporizadas pedindo que a retirasen, á piroliña e a Shin Chan.

E todo iso, no século XXI, que debería ser, xa, o da racionalidade e a lóxica. Pero non. Cando menos no territorio iPad, non.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PARA OS TOUROS SI QUE HAI CARTOS

3rd Febreiro 2012 by franciscocastro 5 Comentarios

Wert, o Ministro de Educación, anunciou que vai destinar máis cartos para os touros. A saber, non para o seu coidado ou para permitirlles pasar máis tempo coas vacas, que iso si que sería interesante para as corridas, senón a iso que os rancios e baballas bárbaros barbarizados chaman a festa nacional (por iso España non pode ser a miña nación, entre outros motivos). En plena época de crise, coa xente pasándoas putas para chegar a fin de mes, este goberno anuncia máis axudas para a súa promoción cultural (tócalle o carallo), socioeconómica (cartos si que deixa si, como a prostitución, o narcotráfico ou o asasinato organizado) e medioambiental (comorl?). Lendo a nova, entérome de que existe unha Comisión Consultiva Nacional de Asuntos Taurinos. Medo me dá o que esa xentiña poida decidir sobre o dos cornos… Sei diso e de cousas moito peores, como que o ano pasado saíron dos cartos de todos nós 600 millóns de euros para financiar os espectáculos taurinos. Non teño que lembrarvos que os museos pechan, que a xente que precisa axudas por motivos de saúde ou dependencia ven como lles recortan, etc, e todo o que poderiamos facer con eses seiscentos millóns de euros.

Isto é unha inmoralidade indesexable. Unha vergonza (toureira).

Non debemos consentir que saia nin un céntimo de euro, neste momento, para esta merda organizada que é morte e é sufrimento.

E disimulade o ton cabreado desta nota.

Pero é que non se me ocurre outro xeito de dicilo.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

RAJOY TEN PREVISTO PECHAR TODOS OS COLES DE CURAS E MONXAS

1st Febreiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Leo con estrépito e con escándalo e con incredulidade e con cabreo que unha das razóns para cargarse a Educación para a Cidadanía é que, segundo o Ministro de Educación (e todas as radios dereitonas esta mañá aplaudían ata facerse sangue dándolle a razón) na escola hai que fuxir dos adoutrinamentos. Como moi ben apuntaban (directamente na caluga) algúns tertulianos desas emisoras citadas (exemplo todas elas de imparcialidade e veracidade sen par) a escola non está para adoutrinar.

Pois claro. A escola está para aprender. Faltaría máis. Pero non para adoutrinar, por suposto, claro. Porque na escola, en Educación para a Cidadanía, xa se sabe, aprendíallen á xente que o empresario é malo (oído esta mañá nunha radio desas), que a homosexualidade é desexable (ídem), etc. Como nas Galescolas, lembrades?. Eu escoitei a Ignacio López Chaves, do PP vigués, na COPE dicindo que as Galescolas eran fábricas de nacionalistas. Claro que si. Os profes e as profes das Galescolas, axentes camuflados da UPG, cos cativos de tres anos, en troques de aprenderlles elcocheritoleré, o que cantaban era, mentres os obrigaban -a lategazos- a dar voltas polo patio, a berrar, aquí, está, el be-ne-gá!!!.

Por iso, porque na escola non hai que adoutrinar, como na escola non hai que facer ideoloxía, como na escola non hai que facer nada diso tan malo malísimo que fan os socialistas e os nacionalistas (agás os nacionalistas españois que eses son bos e non feden), Rajoy e o seu Ministro de Educación, coherentes con esa idea, van pechar os coles de curas e de monxas. Porque se no colexio non hai que adoutrinar nin transmitir ideoloxía, daquela, ese tipo de centros teñen que botar o peche xa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

XUIZ, XUSTIZA, AXUSTIZAR, ENXUIZAR…

30th Xaneiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Hai un lugar no mundo onde un asasino gobernou 40 anos con man de ferro e de xofre e de estrume e de violencia e de maldade, sendo responsable directo de millóns de mortos, exiliados, represaliados, torturados, violadas. Ese lugar no mundo tivo durante moitos anos unha moeda oficial de curso legal onde, coa connivencia da xerarquía católica (que o metía baixo palio nas igrexas, coma os santos, coma as virxes), dicía que o seu fora pola graza de Deus.

Hai un lugar no mundo onte tropemil anos despois de que todo rematase (máis ou menos) e se recuperase a democracia (que non a legalidade republicana), se dis que queres investigar os crimes daquel tempo, hai quen se pon preocupado e di que non hai que remexer nas feridas.

Nese lugar do mundo goberna hoxe un partido político que non condenou ese réxime ditatorial.

Nese lugar do mundo hai un xuíz que investigou os crimes da época da barbarie e está sendo xulgado. El. Non os criminais. El. Non os asasinos. El.

E por procurar asasinos, criminais, fosas onde dormen o eterno pesadelo da inxustiza os mortos sen nome é investigado, denunciado, imputado e quizais condenado.

El é quen pode deixar de ser xuíz por obra e graza (como o outro) dun sistema xudicial, uns xuices e unha loucura togada que, témome, pouco ten que ver coa xustiza.

Ese lugar do mundo non é o terceiro mundo nin Pallasolandia. Xa sabedes como se chama…

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESCRIBIMOS ENTRE TODOS UN LIBRO NO FACEBOOK?

27th Xaneiro 2012 by franciscocastro 8 Comentarios

Preséntovos o meu novo proxecto HISTORIA EN REDE, ou o que é o mesmo, que entre todas e todos escribamos unha historia usando o facebook como plataforma.

Eu empezarei esta noite dende aquí.

Animádevos a participar. Escribamos fermosas palabras nunha historia experimental e creativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MARCHOU BALTAR… PERO NON É PARA TANTO (a que andan a xogar os xornalistas?)

25th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Marchou Baltar si, pero non se acabou o mundo, por favor. Os xornais galegos hoxe titulaban a páxina completa, como se se tivese anunciado unha vacina contra o cancro. En fin, coido que se atopasen ese remedio igual non ocupaba a páxina completa.

Marchou, si, pero non era como para que o contasen así, por favor… Que os recortes van seguir, que algúns dos cans que dirixen o mundo van continuar trabando nas nosas calugas igual, que os urdangarines da vida van seguir roubando o mesmo, e creo que a súa marcha non altera, por exemplo, o infanticidio que cometemos polo noso desleixo no terceiro mundo nin o consumo de drogas a  nivel planetario.

Baltar foise, si. Pero non era como para que se transmitise esa sensación de cataclismo cósmico que os xornais galegos nos deron, como se a Bolsa de Tokio decidise repartir beneficios cos pobres, poño por caso. Non é unha noticia tan grave. Nin sequera é unha noticia moi importante. Total, nuns aniños ninguén se vai lembrar del. E non porque non o mereza, que eu son un ignorantiño e non vos sei se merece pasar á historia ou non, senón porque os que perduran na memoria e nos corazóns son os que fan cousas grandes, eu que sei, dedicar a vida á investigación, os que proclaman repúblicas, etc.

Igual os xornalistas terían que aprender a relativizar e a darlle a importancia que (realmente) merecen as cousas. Porque non parece que a súa marcha sexa máis importante que un cento de outras moitas cousas que, sen pensar moito, se me ocorren.

(Ás veces entran ganas de pensar que o cuarto poder se quedou, sen máis, como altofalante da voz do amo)

Chuzame! A Facebook A Twitter

APROVEITANDO A CRISE, IMOS DESMANTELAR O ESTADO DE BENESTAR

22nd Xaneiro 2012 by franciscocastro 9 Comentarios

Hai moitos anos que todo se entende dende parámetros económicos. E non, dende logo, no senso marxista do asunto, senón no senso máis liberal da cousa. Todo se xustifica dende o beneficio, os réditos, os valores da Bolsa. Non importan as cualidades. Importan as cantidades. E a realidade toda organízase dende aí. E remata gobernando, por enriba de calquera, o Fondo Monetario Internacional, é dicir, os ricos de toda a vida, os escravistas, os xenocidas.Quizais por iso, nos oitenta, había quen mantiña que non había diferenza entre dirixir unha empresa e dirixir un país. De feito hai quen goberna así. Pero hai diferenzas. Moitas. Como empresario só teño a obriga de gañar cartos dentro dos límites que marca a lei. Como político teño a obriga de tentar mellorar o mundo. Así como soa. E iso implica mellorar as condicións de vida dos que me confían o seu voto, loitar contra da inxustiza, etc.

Ese predominio absoluto da economía, ese ter que valoralo todo dende parámetros monetarios (algo que, a forza de costume, xa entendemos como o natural, cando natural non hai nada), fai que a día de hoxe os que nos gobernan sintan como unha prioridade -de feito, como a única prioridade, caia quen caia- cadrar as contas fronte a algo que sería moito máis importante: que ese cadrar as contas non implicase a caída do estado de benestar. E así, co argumento da crise, traballarán para facernos entender como inevitable a creba da seguridade social (e todos a pagar), do ensino público (e todos a pagar) ou das pensións (e todos a pagar). Dirannos que non hai cartos. Que as cousas agora teñen que ser así. Que non hai máis remedio. Que non hai outra.

E non. Non teñen or pque ser así.

Xógome a melena a que podemos quitarlle a algunha que outra industria (a militar, por exemplo), a algunha que outra ideoloxía reaccionaria (a igrexa, por exemplo), a algunha que outra institución (a monarquía, por exemplo), as partidas que lles destinamos. E sacar cartiños, que por certo son nosos, para as cousas que realmente importan. Quero dicir: que non hai por que sacarlle todo ao que temos seguro para a nosa seguridade. E por se non se me segue: que non hai por que recurtar SÓ da educación, a cultura, a sanidade.

Porque parece, miren como me erguín esta mañá, que están aproveitando a crise para desmantelar o estado de benestar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A CULPA DO QUE NOS PASA É SÓ NOSA

21st Xaneiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Igual é un chisco inconvinte escribir isto, e igual máis de un e de unha vai mirarme mal ou deixar de lerme ou proclamará a miña falla de patriotismo ou eu que sei, mais entendo que de cando en vez hai que dicir as cousas cun mínimo de claridade, aínda que non nos guste poñernos a feder a nós mesmos. Sobre todo, porque entendo que hai que vencer o costume, circular e vicioso, de botarlle sempre as culpas de todo aos demais e aos que están fóra.

A culpa de quen é? Dos que votan ao PP.

A culpa de quen é? Da Xunta de Galicia.

A culpa de quen é? Dos que non nos entenden, non.

A culpa de quen é?

A culpa é nosa e só nosa.

Nos últimos anos asistimos ao peche, dramático, de A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia y loqueterondarémorena. O doado, o simple, o infantil, o superficial é botarlle as culpas (que algo teñen: podían repartir a publicidade doutra maneira, por exemplo) á Xunta de Feijoo. Así de sinxelo e hala, xa non hai que facer máis análises, xa está todo explicado. Como o presidente é moi malo, pois hala, pechan os xornais. Despois, imos correndo diante do mortiño a facer homenaxes e a asinar manifestos, a laiarnos publicamente e a retroalimentar o noso victimismo e a dicir ai que mágoa diormío con estes do PP imos de cu. Claro. Pero o que está clarísimo é que se A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal de Galicia (e o teatro galego, e a literatura galega, e a música galega… etc.) recibisen o apoio económico dos lectores e lectoras, total, era un euro ao día no caso dos periódicos, daquela íanos dar igual unha Xunta galegofóbica, Galicia Bilingüe, o Valedor do Pobo e o carallo 29.

Este nacho que asina e suscribe estas liñas está un chisco farto da dobre moral imperante, circundante e, sobre todo, abafante. Claro que están contra nós. Claro que non van darnos un peso. Claro que nos odian. Pero se nós pasásemos por caixa, se nós léramos libros en galego, pagásemos a entrada no teatro, metéramos publicidade (eran tasas ben pequenas) nos portais da Internet que tiraban da nosa lingua e do noso xeito de ver as cousas… se fixeramos todo iso ninguén había poder con nós.

Pero como non o facemos, asinamos manifestos.

E eles, mentres tanto, a mexar por nós mentres seguimos debatendo por que nos queren tan mal e nos pechan todas as portas…

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU VIVO NUN SUBMARINO AMARELO

19th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

 

Hai uns días cumpríronse 43 anos da estrea da película de debuxos animados Yellow Submarine, dos Beatles. Tanto tempo despois, a fita aparécesenos coma unha postal dunha época, a da psicodelia, bastante máis interesante, dende todos os puntos de vista e en moitos sentidos, que a actual.
Neste tempo noso, que pide realismo, e tecnócratas, no 68 outros andaban pedindo a revolución e proclamando que outra realidade era posible. Para iso había que atreverse a subirse nun submarino cheo de amigos dispostos a, en efecto, revolucionarse e soñar outro mundo.
A película é simplísima na súa mensaxe: aos malos non lles gusta que sexamos felices; daquela, o que cumpre é cantar, amarse e, sobre todo, soñar con máis forza.
Loxico que o hippismo, a contracultura e as utopías (esas que tanto odiaba Fraga, en especial as do 68; así o expresou moitas veces, a súa repugnancia polo sesentaiochismo) atopasen sempre nesta película unha fonte grande de inspiración.

Chuzame! A Facebook A Twitter