Archive for the ‘Sen clasificar’ Categoría

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 7

18th Xullo 2009 by franciscocastro 11 Comentarios

anel

Hoxe, nunha praia de Teis, en Vigo, mentres collía da man á miña pequecha, na beira do mar, algo me deu nun pé. Era un estraño anel dun cristal rosa. Un anel de muller. Nunca o mar me dera nada. E tiña pinta de valer os seus cartiños.

Collino e gardeino nun peto do bañador. Entendín que era absurdo pescudar á súa propietaria. Alí había moita xente. Se dicía, ¿quen perdeu un anel?, igual me aparecían unhas cantas candidatas levadas pola cobiza. Pensei, eu, que levo varios aneis postos en ambas as mans, tamén podo lucir este. Aínda que sexa de muller. Ás veces, cando a inspiración se atasca, ollo para eles e arranco de novo.

Seguín xogando coa miña nena, feliz polo agasallo do mar.

Mais de súpeto, eu, que non son nada supersticioso, lembrei unha historia que alguén me contara, na infancia, sobre unha muller que collera un anel que atopara na praia e que era doutra muller que tivera unha vida horrible e unha morte tremenda e que a ela pasáralle o mesmo por culpa do anel que, dalgunha maneira, lle transmitira esa mala sorte.

Son cosnciente de que se trata dunha lenda urbana. Igual que a da muller morta que fai autostop na curva ou a do submarinista que o colleu un avión apaga-lumes e remata tirándoo no medio das lapas.

Pero tirei o anel. Lonxe.

Fomos merendar e a nena, claro, quixo volver á auga.

Cando nós entrabamos, unha muller, máis ou menos do meu tempo, saía co anel nun dedo. Fitábao con expresión divertida. Acariñábao. Aledeime por ela. Que ben lle senta, pensei, ese agasallo do mar. Ao tempo, maldicín ter sido tan parvo ao guindalo de novo ás augas. Era obvio que ese anel quería saír da auga. Ese anel podía ser meu.

Dúas horas máis tarde, puiden ver como o home que sentaba nunha toalla con ela lle falaba moi serio. Ela estaba máis seria aínda. Os seus ollos eran tristeiros e de espanto. A miña nena ergueuse. Funlle detrás. En teoría porque non caera. En realidade para ver que falaban aqueles dous.

- Sinto. Pero eu xa non aguanto máis – dixo el – Marcho. Paso por casa, collo o meu e lisco.

A muller quedou soa. Na toalla. Acariñando o anel mentres unha bágoa, gorda coma unha uva, lle esvaraba pola meixela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O NOCELLO DE LUCÍA MOLARES

12th Xullo 2009 by franciscocastro 11 Comentarios

tobillo

Coñecín a Lucía Molares hai dous días, cando acodiu como representante da Xunta de Galicia ao acto de inauguración da Feira do Libro de Vigo e no que eu lin o pregón. No rato que parolamos, pareceume unha persoa simpática, de trato amable e cortés. De verdade que foi agradable o ratiño que falamos sobre isto e aquilo.

Dito isto, traio agora aquí a entrevista con ela que hoxe publica o Xornal de Galicia, e na que, entre outros superficiais argumentos, sinala como un problema á hora de estudar en galego, que non todo o mundo sabe o que é un nocello.

Por suposto. Non todo o mundo coñece esa palabra. Pero para iso se estuda, para aprender cousas. Eu non sabía cando era estudante que era un Sintagma Nominal nin facer integrais. Pero tiven que aprender. Despois, cando cheguei á Universidade e escoitei que tiña que estudar «Fenomenoloxía» non protestei porque non sabía o que era iso. Aprendín.

En calquera caso, o grave non é que os cativos teñan que aprender a palabra «nocello». O gravísimo é que moitos nenos e nenas do noso país non saiban o que é un nocello e que esa parte do corpo se chama precisamente así.

Noutra orde de cousas e xa que estamos, na entrevista que vos referencio fala de que no desenvolvemento do seu cargo tenta falar en galego. En fin, será así pero o outro día, na inauguración da Feira do Libro, todos, absolutamente todos os que collimos a palabra fixémolo en galego. Cando lle tocou a ela, como autoridade da Xunta, no desenvolvemento do seu cargo, falou en castelán. Foi a única que o fixo. A representante do goberno de Galicia empregou a lingua de Castela. Todo o que dixo, por certo, moi atinado ( a importancia da lectura, que hai que apoiar aos libreiros, etc… ). Mais podía telo dito na lingua de nós. Que ela sabe, entende e, como recoñece na entrevista, pode falar. De feito, estivemos latricando un chisco sobre o que eu dixera no pregón. Xa saben: intercambiando puntos de vista.  Daquela, entende o galego perfectamente.

Da cabeza ao nocello.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CONTENTO DE ESTAR EN BLOGALIZA

10th Xullo 2009 by franciscocastro 10 Comentarios

hello

A canción do náufrago está dende hoxe en Blogaliza.

Estou moi contento de estar acollido aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter