Fake

Posted by franciscocastro - 30/01/18 at 03:01 p.m.

Eu estudei Filosofía, imaxino (quen sabe, tiña 17 anos e pelo) porque buscaba a verdade, ou sexa, A Verdade. En plena adolescencia rabuda (e podedes crerme, foi rabuda; a miña madurez, por fortuna, non o está sendo menos) sentíame perdido, enfadado co mundo e xa moi consciente de que os gatos non tiñan tres patas, senón un cento delas. E como digo sempre, de ter agora de novo 17 rabudos anos, perdido e enfadado co mundo e os gatos (ódioos, incluso os de Facebook) iría á facultade de Filosofía na procura desa Verdade coa que todos necesitamos dar de cando en vez para tirar millas, pagar á Facenda e poder falar cun mínimo de solvencia sobre papagaios, a crise catalá ou que pasou no noso derbi.

Botei cinco anos alí e a Verdade non veu a min. E xa non creo que veña porque a verdade, agora, xa non se chama verdade senón posverdade. Este é un concepto que calquera, teña barba hípster ou non, ten que soltar en calquera conversa que queira semellar máis ou menos profunda se quere ser tomado en serio. Se a dis, e a poder ser coas gafas na man, vendo cara un ángulo calquera do teito, “isto xa é cuestión de posverdade”, por exemplo, triufas seguro. Non sei en que. Pero triunfas.

A posverdade aparece cando os do PP din iso de que na Guerra Civil os dous bandos son iguais. Ou que os casos de corrupción son casos aillados. Un cento deles, pero aillados. Non forman nin un istmo de nada. Illas pequerrechas. Xa sabedes. Goebbels. Unha mentira repetida termina convertíndose en verdade.

Agora, os grandes políticos mundiais preocúpanse pola verdade, ou sexa, pola Verdade. Semella como que descobriron a súa importancia crucial. Pero todos. Por exemplo Macron, xa sabedes, ese que ía para Che e rematou sendo Albert. No seu discurso de fin de ano (que manía con escarallarnos a festa teñen os presidentes) o máis relevante que dixo foi que está preparando unha normativa contra as Fake News. E Trump, ese profeta, anunciou que tamén, que as Fake son un dos grandes problemas da actualidade.

Nos meus tempos de estudante de Filosofía non aprendín o que é a Verdade. Pero si o que lles amola aos Poderosos. Así que esta preocupación que teñen polas “mentiras” e “falsidades” quere dicir que, despois de todo, imos ben. Esa é a única verdade.

(Este artigo apareceu publicado no semanario Sermos Galiza o 18 de xaneiro de 2018)

Deixa unha resposta