Unhas cantas reflexións rápidas sobre o estado de saúde do libro en España

Posted by franciscocastro - 19/01/18 at 12:01 p.m.

Onte, e como cada ano, a Federación de Gremios de Editores de España presentou en rolda de prensa o documento “Barómetro de Lectura y Compra de Libros 2017.” Para os editores profesionais, é unha ferramenta de moita utilidade para sabermos por onde camiña o noso sector. Mais tamén é unha lectura que creo interesante para todas as persoas que, en xeral, teñen preocupación pola lectura e a cultura.

Os  medios de comunicación onte non facían máis que repetir, como unha grandísima nova (cando en realidade foi unha porcentaxe diminuta) que subira o número de lectoras e lectores en España. Haino que celebrar, claro, pero iso non quita que seguimos ocupando postos moi baixos se nos comparamos co resto dos países da cultura occidental.

Haino que ler en detalle, pero xa podemos tirar algunhas conclusións interesantes.

  • Importante descenso do número de lectoras e lectores de publicacións periódicas, ou sexa, de prensa e revistas. Tamén de Banda Deseñada. Os responsables dos xornais imaxino que hai ben de tempo que lles preocupa esta tendencia. Se non se toman medidas xa, a situación vai ser definitivamente tráxica. E a explicación non pode ser sen máis que as novas xa están en papel. Os xornais van ter que dar, se queren sobrevivir, “algo máis” que o que están dando (insistir máis no local, por exemplo, ou artigos e reportaxes en profundidade…non sei, en calquera caso, algo que non estea na rede). O que non parece ter moita lóxica é que os xornais sigan sendo idénticos, porque o son (agás cambios de maqueta e outros aspectos formais) a antes de que nacera Internet. Non ten sentido.
  • O lugar preferido para mercar libros sigue sendo, de momento, as librerías. Digo “de momento” porque Amazon é un mostro global que quere comelo todo. Ás librerías, tamén. Neste sentido, celebro moito a aparición e asentamento de novas librerías, moi activas, que entenden que a librería xa non pode ser, sen máis, un lugar onde se venden libros, senón centros neurálxicos de actividade cultural que atraen aos lectores e lectoras á librería. En Galicia temos xa afortunados exemplos desta nova maneira de traballar. Modelos existosos e referenciais no que deberían verse todas.
  • Volvendo ao titular: certo, subiu o número de lectores e lectoras en España ata situarse no 65.8%. Por sexos, elas len máis libros, revistas e redes sociais. Os homes, len  máis prensa, banda deseñada, webs, blogs e foros. En liñas xerais, medra a lectura de libros e de contidos dixitais.
  • Un dato moi positivo é que os pequenos, o 99.6% deles, entre 10 e 14 anos, e o 92% dos mozos entre 15 e 18 son lectores activos. A mala nova é que a partir dos 15 anos empeza a descender a frecuencia. En calquera caso, eu sempre digo o mesmo: se un é lector ou lectora, pasada a adolescencia, onde hai moitos máis intereses, polo xeral vólvese á lectura. Os que somos moi lectores somos un moi bo exemplo.
  • As bibliotecas seguen sendo un servizo altamente valorado. A mala nova é que descende o préstamo de libros.
  • Ao respecto da venda de contidos dixitais, as novas non son positivas no senso de que o 80%  do que se le en dixital é de balde. Ou dito doutra maneira, só se paga polo 20% dos contidos. En relación a isto constatamos que o 40.3% da poboación só le en papel mentres que o 20% le, no seu tempo de lecer, libros en soporte dixital. O problema é que, como nicho de negocio, aínda a industria editorial, con estes datos,  non o percibe.
  • E para rematar, cando se preguntan os motivos para non ler sempre é a falta de tempo. Iso di o 47.7% da xente. Non que os libros sexan caros como, interesadamente, moita xente di por aí.

 

Deixa unha resposta