Unha app satánica

Posted by franciscocastro - 17/01/18 at 03:01 p.m.

O outro día collín o Vitrasa, que é como lle dicimos en Vigo ao autobús urbano. Non son moi usuario e adoito ir ao traballo a pé (3.8 km ida e outros tantos de volta segundo o podómetro do móbil) e subo decidido as rúas máis difíciles da cidade, costa arriba. Polo xeral, á metade de camiño teño que sacar o abrigo porque vou arfando e a calva empeza a brillarme. E sei que son un tipo brillante, pero non quero que se me note.

Collín o Vitrasa porque pasara moi mala noite e estaba canso e daquela pensei que estaba ben, por un día, facer algo normal e subir no autobús. Tal fixen e sentei, no fondo, preocupado porque xa teño 51 anos e saber que non me sentía con forzas para subir tantas rúas empinadas (os que sodes de Vigo ben sabedes que o Tourmalet é unha parvada comparado co noso día a día; ás veces penso que o alcalde, en troques de tanto Dinoseto debería instalar desfibriladores no medio da rúa por se acaso), fíxome sentir un señor maior. E sentirse así dá mal rollo.

Sentado así de preocupadísmo abrín o Twitter, que é iso que fago cando non quero pensar, porque saen gatiños moi tenros e xente enfurecida que insulta a otura xente, e o primeiro que me sae é unha suxestión da rede social para que probe unha app chamada How-Old.net e que me permite, subindo unha foto, responder á pregunta, que a propia aplicación me fai, a saber, How Old I look?, que en tradución libérrima sería, Cantos anos parece que teño? e que traída a galego coloquial sería, Pero cantos me botas?

Morto de medo, ao tempo que partía o Vitrasa e eu comprobaba que a media de idade era de 70 e algo, subín unha foto. Insisto, morto de medo. Porque lembrei outra vez que noutra app diabólica, que me dicían que famosa era o meu tipo,  saiume Rocío Jurado. Terrible.

Así que subín unha foto esperándome o peor. Verás como me sae que aparento sesenta e algo. Verás como estou fatal. Agardei o tempo que tardou o “loading…” feito un novelo de nervos. Tantos, que lle collín a man á velliña que estaba ao meu carón e que, en troques de rifarme ou chivarse ao condutor, me dixo, “tranquilo, neno, nesta vida todo ten solución agás a morte”.

A app cargou e dixo que aparentaba 51.

Feliz, baixei do Vitrasa e fixen o tramo final ata o traballo, correndo.

(este artigo foi  publicado no semanario Sermos Galiza do pasado 4 de xaneiro de 2018)

Deixa unha resposta