Eu non fun

Posted by franciscocastro - 09/01/18 at 03:01 p.m.

A culpa é da gripe. Que hai moita. E da xente, que é parva e se enferma e vai a urxencias. Que vai ser dos recortes. Para nada. Como vai ser de que cada vez hai menos persoal, menos camas, menos recursos? Non ho.  A xente, que non se coida e vai ao hospital por calquera parvadiña.

A culpa é do frío, da neve, de que é inverno. Dos condutores. Dos coches. Como vai ser da mala planificación, da mala xestión, de que o ministro estaba no fútbol tan ricamente. Se a xente non circulase polas autoestradas carísimas que dán un pésimo servizo e que se atascan á primeira folerpa, non pasaba nada.

A culpa é dos petroleiros, que se rompen sobre todo cando van cheos de petróleo polos mares de Galicia adiante. Do mal tempo. Do temporal. Da costa galega, que é moi revirada e perigosa. Que vai ser dun sistema que protexe os grandes intereses petroleiros por enriba do medio ambiente. Non sexades mal pensados. Foi o mal tempo. Iso é todo. O mar, que é traizoeiro.

A culpa é da xente que conduce rápido e sen cabeciña. Como vai ser do mal estado das estradas, de que están a medio pintar. Non, amiguiños. É de que van como locos.

A culpa é dos que queren votar. Se lles baten na cabeza a policía é por culpa deles. Hai que cumprir a lei, xa sabedes. Sobre todo cando lle convén ao partido no goberno.

A culpa é das mulleres, que se deixan maltratar. Que vai ser da cultura do patriarcado, que va. Que vai ser de que están mortas de medo porque o estado non as protexe. Para nada. Que vai ser de que todo está na súa contra. Non. Ganas de amolar que tendes.

A culpa é dos outros, dos demais, nunca de quen goberna, nunca de quen toma decisións. Nunca deles. Sempre de outros.

Deixa unha resposta