140.000 PERSOAS SEGUEN TIRADAS NAS CUNETAS

Posted by franciscocastro - 03/01/18 at 03:01 p.m.

Neste ano que rematou cumpríronse 10 anos da Lei de Memoria Histórica. E malia iso, que é moito tempo, 140.000 persoas seguen esquecidas nas cunetas. Xa sabedes, logo de Camboia, España é o lugar do mundo que máis xente soterrada ten sen identificar. Unha triste marca que, seica, a ninguén preocupa. Cando menos, a ninguén dos que gobernan e que ignoran as peticións de todas esas españolas e españois que si que lles interesa, que si que esperan que o seu goberno lles axude a dar cos restos de seus pais e nais, avós e avoas, irmáns e irmás. Eses 140.000 que están nas cunetas tamén son españois. Tamén deberían ser buscados polo goberno de España. A non ser, claro, que o goberno de España considere -como semella- que eses non son un problema seu, que se la pela, vamos.

O grave, mirade o que digo, non é que haxa tanta xente aí esquecida. O grave é, precisamente, que está esquecida. O goberno do PP (partido fundado por un exministro de Franco) e os seus dirixentes, cando se lles saca o tema, axiña falan de “non abrir as feridas” ou, como dixo Pablo Casado moitas veces (e non é do peor que dixo; Hernando o superou en varias ocasións), ese é un asunto “que no interesa a nadie”. Por iso, dende que gobernan, non adicaron un céntimo de euro ao desenvolvemento da Lei de Memoria Histórica (malia que é unha lei, e eles sempre din que hai que cumprir a lei). No primeiro ano de Rajoy, reduciuse o orzamento á metade e pechou a Oficina de Vítimas. No segundo, nin un euro. E así dende hai seis anos.

E, mirade de novo o que digo, iso tampouco é grave.

O grave é que presumen de non gastar na Memoria Histórica.

O propio Rajoy dixo unha vez, presumindo, cando lle preguntaron sobre esta cuestión: “si, se que la ley existe, pero no le dedicamos ni un euro”. Dixo iso sorrindo, feliz de ser tan bo xestor.

O PP aínda non condenou o franquismo. E non move un dedo para ilegalizar fundacións coma a Francisco Franco ou pechar, de vez, o Valle de los Caídos.

Mentres, 140.000 almas berran na noite máis escura para que alguén lles devolva a dignidade.

Deixa unha resposta