Eu, robot divino

Posted by franciscocastro - 18/12/17 at 03:12 p.m.

Anthony Lewandowski é un home moi listo porque é moi novo e está forrado de pasta. É un dos fundadores de Uber e de aplicacións varias que vai vendendo e así fórrase e vive coma Deus. Literalmente. Porque vén de coller toda a súa fortuna para crear unha igrexa (falamos dos Estados Unidos, aí podes fundar igrexas coa facilidade coa que mercas armas) que adorará a un Deus baseado na Intelixencia Artificial e que será creado a través dun hardware e software particular. A nova non é unha brincadeira. É absolutamente seria. De feito, cando de Deus falamos, hai que falar sempre en serio. E esta “igrexa da intelixencia artificial”, así se chama xa, terá coma un dos seus dogmas a superioridade dos robots sobre os seres humanos.

A ver, por partes. Sobre o dogma, podo aceptalo. O meu robot de cociña, de feito, é moito máis intelixente ca min. E os que medramos lendo a Isaac Asimov maxinamos que se os robots do futuro van ser coma algúns dos que aparecen nas súas novelas, pois si, mira, por min non hai problema. Igual, se o pensades ben, moitas das leas que nos abafan hoxe en día non as teriamos. Podiamos substituir a Trump por un robot. Abondaría con poñerlle o pelo laranxa e unha neurona. Xa tería máis que o actual xefe do mundo.

Lewandoski xa avisou que el será o “Decano” desa igrexa, ou sexa, o equivalente ao Papa, ao Dalai Lama, pero en bits. Reservouse o posto máis importante como supremo sacerdote desta relixión que, como o propio Decano avisou, busca crear unha sociedade na que os seres humanos sexan servos dos robots.

Nos Estados Unidos ademáis desta relixión nova (por certo, exenta de pagar impostos, así de en serio toman a relixión alí) teñen funcionando outras ben curiosas coma a dos Cabaleiros Jedi ou a de Elvis. Para min son máis interesantes estas dúas. De feito, igual me fago adepto da de Elvis, que semella máis pacífica que a dos prosmas da Forza que nos acompaña.

Aínda que teño unha idea mellor: emigrar alí e crear a miña propia igrexa. Non sei, unha na que ser calvo, galego, guapo e de Vigo dea superpoderes e completa obediencia automática por parte de todos os meus seguidores e seguidoras. Serei o sumo sacerdote. E envexaranme todos. Incluso Lewandowski e Elvis.

(este artigo saiu publicado no semanario Sermos Galiza o pasado 30 de novembro de 2017)

Os comentarios están pechados.