Así, así

Posted by franciscocastro - 04/12/17 at 03:12 p.m.

En Internet, ese país das marabillas, podes mercar de todo. Felicidade, especialmente. E amigos e amigas. As redes sociais, xa sabedes, ese mundo paralelo do borrollismo onde tanto nos queremos, onde tan solidarios somos a golpe de change.org. E en Internet podes mercar a trapallada máis absurda que se che ocorra.

De entre as últimas que teño atopado neste teletenda cibernético está unha camiseta que simula que levas o cinto de seguridade posto pero que non, é unha banda que vai de esquerda a dereita e que, vista de lonxe, dá apariencia de que si, de que é o cinto. Así pois, está deseñada non para que se marquen os teus músculos virís ou, simplemente, para lucir bonito. Non. Está pensada para enganar á autoridade, sobre todo, ao helicóptero ese que nos fotografa dende as nubes mentres falamos polo móbil, metemos o dedo no nariz ou tocamos unha perna á nosa parella copilota. Mentres nos espían os polis aéreos, verán que levamos o cinto. E non, non o levamos. Simulamos levalo. E o engano funciona.

Estas cousas pasan porque vivimos  nun mundo simulado onde nada é verdadeiro e todo é máis ou menos, así así, pode que si pode que non, e eu que sei. Simulación. Pero non certeza. Por exemplo, na parede do meu edificio, no que decote se poñen carteis de toda clase de eventos ou cousas de vender, hai, a día de hoxe, anunciado un concerto dos falsos Pink Floyd, dos falsos ABBA,  dos falsos Queen e dos falsos Beatles (recoñezo que a estes fun velos: son un falso). Hai tamén un de Rosendo e outro de Shakira. Teñen pinta de ser os de verdade, pero igual non. E quen di isto pode dicir o triunfo de programas de televisión onde se premia a capacidade dos cantantes para non ser eles, ou sexa, para ser outros, os famosos, os de verdade, aos que imitan. En calquera caso, evidencias desta Cultura da Simulación Parecida Aproximada Case Case que nos deixa sen nada ao que agarrarnos certo, verídico, co perfume da verdade.

Por iso, e pecho o círculo, triunfan as redes sociais. Porque no Facebook, no Instagram, todos saídes moito máis guapos do que sodes (eu non, eu saio exactamente como son), todos somos moito máis solidarios, moito máis seguros, moito máis decisivos.

É o signo dos tempos. De feito, este artigo, non o escribín eu senón un que me imita. Que quere ser eu. Que xa lle gustaría. Un suplente. Un negro literario. Un non eu.

(este artigo foi publicado no semanario Sermos Galiza o pasado 16 de novembro de 2017)

Deixa unha resposta