A música e eu

Posted by franciscocastro - 21/11/17 at 03:11 p.m.

(Na Semana de Santa Icía, na Semana da Música).

De cativo estaba sempre co xiradiscos DUAL do meu irmán. Pousábao no chan e puña o LP ‘A hard day’s night’ dos Beatles unha e outra vez. Daquel aparello fascinábame a cor gris do altofalante (que tamén facía funcións de tapa). Era esponxoso e como puña a música moi alta (ata que papá viña rifarme) sentía como latía alí dentro o bombo da batería de Ringo. Puña a man sobre a tea protectora. E sentía a percusión na man.

Teño esa lembranza e tería 7 anos ou menos. Tamén dos singles de Andrés do Barro, Led Zeppelin, Rolling Stones,  Karina, Cliff Richards, José Feliciano…era de meu irmán aquel primitivo tocadiscos pero eu era o seu usuario máis entregado. O meu mundo era, é, musical. Incluso a día de hoxe. Esquezo caras cunha facilidade pasmosa. Esquezo, incluso, que estiven en certos lugares e logo quedo abraiado vendo as fotos. Pero recordo cancións, melodías, tonadas, cantigas. A música é poderosa.  Máis que calquera outra forma da arte. Mirade senón: doentes de alzhéimer que non lembran nada, son quen de cantar cancións de toda a vida.

No corredor da casa había un espello diante do que pasei horas e horas, co cepillo do pelo (agora xa non) cantando nun suposto inglés incomprensible e por suposto, totalmente inventado. Composicións propias. Teño conciencia de cantarlle temas meus a meus pais e tíos nunha Noiteboa de, como moito, 8 anos! E de cantarlles, por suposto, en “inglés”. Logo, aos 10, empecei nos estudos de música cun profesor no barrio. Nesa época cometín o erro máis grande da miña vida, que foi dicir que non a entrar no Conservatorio, como meu pai quería. Toquei a bandurria (era pequeno de máis para o mástil da guitarra, que chegou despois) e no instituto tentei fortuna coa miña propia formación. Trabuqueime claramente de estilo: na época da movida (eu era novo de máis para participar, pero cantaba e compuña) déuseme por ir de cantautor. Un desastre.

Na miña casa hai gardadas decenas de cintas de cassete con todas esas composicións. Dentro de moitas décadas, cando eu xa non estea, que alguén ría a conta delas.

Érgome con música. Viaxo moito, e con música. Traballo con música pechado no despacho. Aféitome, dúchome, cociño con música. E cando me enterren, que sexa con música alegre. Na adolescencia a música salvoume a vida, literalmente, máis que a poesía (que tamén). Porque era un neno raro co corazón partido e daquela compuña e, sobre todo, escoitaba moito. A escuras. Tirado na cama durante meses. Lembro a cara de preocupación de meu pai cando me vía así.

Hoxe hai unha canción para cada día. Que me dá a vida. Que me axuda a seguir.

E teño varias guitarras e se vexo un piano teño que tocar o ‘Let it be’. E sigo pechando os ollos e maxinándome no escenario, cantándovos…

Amo a música. Non imaxinades canto.

Deixa unha resposta