REALIDADES

Posted by franciscocastro - 06/11/17 at 03:11 p.m.

Cando estudei Filosofía (son un tipo moi culto) fiquei moi impresionado con dous autores de nome, xa de seu, sedutor. Falo de Wittgenstein e Heidegger, apelidos que indican sabedoría aínda que o primeiro fose un antisocial e o segundo un nazi. Con ambos os dous aprendín algo que os filósofos levan toda a vida explicando con distintas palabras: que unha cousa é a realidade e outra o que nós pensamos sobre ela.

Wittgenstein, que só aspiraba na vida a comer peixe fritido e ver pelis do oeste, contounos que unha cousa é “dicir” e a outra “mostrar”, e que as cousas importantes, as esenciais, as que nos interesan como humanos, a esas non podemos acceder mediante a linguaxe e só poden ser “mostradas” a través da música ou a poesía. Contou iso no seu Tractatus lógico-philosphicus. Heidegger, pola súa banda, falaba do “Dasein” do “ser aí”, diso que se intúe “coma unha raiola de luz no medio do bosque unha noite moi escura” e daquela se comprende. Contouno en moitos dos seus libros. Recoméndovos Que é a filosofía? Iso si, non podo garantir que logo de que o leades saibades o que é a filosofía.

Todas aquelas cousas que estudaba, no fondo, desacougábanme un pouco. Ou igual porque era un desacougado lía aquelas cousas. Non sei. Mais, en calquera caso, o que ía quedándome claro é que a realidade é enganosa, esquiva, no fondo, moi pouco real. E que o que cremos que está pasando non está sucendendo e o que entendemos como claro e definitivo, probablemente, é confuso e agachado.

Se fostes quen de chegar ata esta parte deste artigo é porque ou sodes xente tan culta coma min que non se engurra ao escoitar o nome de Wittgenstein ou Heidegger, ou porque sodes moi destemidos e curiosos. Mais, en calquera caso, axiña entenderedes por que falo de realidades agachadas que son máis reais que a realidade e que aparecen cando  menos se lles espera.

Refírome a toda esa ultrafachería nazi que estes días apareceu en todo o Estado para pegar, cuspir, queimar e esnaquizar toda alternativa democrática. Suponse que non estaban, que non eran. Pero, carafio, están, son, e están fortalecidos. Andaban por detrás do Tractatus de Wittgenstein ou o Dasein de Heidegger. Ou na nosa inopia inxenua. Agochados, pero reais.

(este artigo saíu publicado no Sermos Galiza do pasado día 19 de outubro de 2017)

Deixa unha resposta