A necesidade de coidar das palabras: golpe de estado, Cataluña nazi, pederastia…

Posted by franciscocastro - 19/09/17 at 02:09 p.m.

Hai que coidar as palabras, que non é tan difícil.

Hai que evitar falar tan lixeiramente como se fai por aí con moi mala uva.

Porque estamos a escoitar falar polo asunto catalán (polo asunto español) de “golpe de estado” con total naturalidade. Repíteno continuamente e, insisto, lixeiramente: isto é un golpe de estado, están actuando co poder da forza, isto é unha patada á democracia…

Pois non. Veredes: un golpe de estado é, sobre todo, iso, un golpe, é dicir, un acto violento que, polo xeral, adoita ir acompañado de tiros e de mortos. De feito, os do 23-F tiñan xa listas de xente a fusilar. E isto non é un golpe de estado porque un golpe de estado non se dá con urnas polo medio independentemente do legais ou ilegais que a unha das partes lles parezan esas urnas e esa convocatoria. Nun golpe de estado non se vota. Se extermina, asasina, fai desaparecer. Pero non se volta.

A cousa é importante porque cando se banalizan expresións como “golpe de estado” ou palabras como “liberdade” (parece, segundo algúns, que todo o mundo está obrigado a votar que si á independencia o 1 de outubro, e iso non é para nada así, cada un vai ser libre de votar o que lle preste), de súpeto todo se iguala. E aparece un Tejero delavida para dicir que o seu e o dos seus amiguetes non foi tan grave como o que os independentistas queren facer.

Ou un Alfonso Rojo, esta mesma mañá, soltando que non hai diferencia entre a Cataluña e a Alemaña nazi. Pois si. Haina. E moita. Na Alemaña nazi matábase xente a esgalla. Aquí só hai un grupo de xente tentando facer unha manobra política que, por certo, lles pode saír mal. Porque pode gañar o non.

E quen cita isto pode citar a un Juan Manuel de Prada dicindo que o desafío soberanista é tan grave como a pederastia. Creo que non teño que contraargumentar sobre isto.

Somos palabra e linguaxe, e con todo ese material, configuramos a nosa visión do mundo.

Cando se estude con calma este período histórico haberá que deterse a analizar como algúns estragaron e retorceron as palabras para obrigalas a significar o que non, o que nunca foi o seu significado. Para contaminarnos e impedirnos pensar con claridade.

2 ResponsesA necesidade de coidar das palabras: golpe de estado, Cataluña nazi, pederastia… to “”

  1. Sabela says:
    Setembro 19th, 2017 at 4:33 p.m.

    Cando foi do atentado de Barcelona houbo uns cantos días nos que nos medios usaban “occidentalizado” como se fose sinónimo de “bo, correcto”… Fano tanto e tan subrepticiamente… As palabras son moi, moi perigosas. Aperta!

  2. franciscocastro says:
    Setembro 20th, 2017 at 10:14 a.m.

    Aperta!

Deixa unha resposta