Unha obviedade sobre a Fundación Francisco Franco

Posted by franciscocastro - 12/09/17 at 02:09 p.m.

Levo mantendo dende hai tempo que, alén da devolución ao pobo do Pazo de Meirás (e das esculturas da catedral de Santiago en poder da familia), o que cómpre facer coa Fundación Francisco Franco (que xestiona as visitas, pero impedindo que ninguén o visite) é ilegalizala. Por que? Pois por algo moi obvio que vou resumir nunhas poucas frases.

Vai:

A Fundación Francisco Franco ten como obxectivo enaltecer a figura do ditador, explicarlle ao mundo quen foi ese gran home (así o din), unha das figuras claves do século XX (así o din). Ou sexa, enaltecer e difundir a gloria (a bondade)  do responsable dunha ditadura e dunha represión que causaron máis de un millón de mortos e a instauración dun réxime de terror e crueldade como poucos se teñen visto na historia. Para levar adiante ese traballo, a Fundación recibe cartos públicos, é dicir, de ti e de min e, por suposto, das familias das vítimas que asasinou o seu réxime e que, por certo, seguen nas cunetas. Fundación, por certo, que nega que houbese todos eses abusos, mortes, tortura e represión.

Non concebiríamos unha dedicada a Hitler en Alemaña. Ou aos etarras en Euskadi. Pero aquí si, e cobran de ti e de min para extender a súa mensaxe.

Unha Fundación que ten eses obxectivos (falsear a historia, enaltecer unha das persoas que máis dano fixeron á Humanidade) non debería ser legal. Nun país normal que asumise de verdade a súa historia e estivese ben ancorado no espírito democrático, non existiría.

Aquí, si.

Os comentarios están pechados.