A mirada náufraga 1: O tempo

Posted by franciscocastro - 21/07/17 at 02:07 p.m.

O tempo. Aquel señor de pelo estrambótico e lingua por fóra explicou que era relativo. Debe de ser. Iso penso dende os meus 50 anos que me chegaron sen que me decatase. Pero non é diso do que quero escribir, senón da relatividade do tempo, desa evidencia física incomprensible que nos di, e aceptamos, que se dous astronautas viaxaran á velocidade da luz dous minutos ao volver serían máis novos que os seus fillos. Oímolo de cativos e repetímolo como sen pensar, asumindo esa verdade aínda que non a poidamos comprender. Como acontece case que sempre. É doado manipularnos. É cuestión de tempo.

A verdade, ou a posverdade, concepto de moda, é relativa. Coma o tempo. De feito é moito máis relativa que o tempo. Tanto é que se sentas (por seguir con exemplos imposibles, como o da viaxe á velocidade da luz), se sentas, digo, a un grupo de seareiros do Dépor e outro do Celta vendo O Noso Derbi e hai unha xogada dubidosa dentro da área e se pasa a cámara suuuuuppppperrrrrlenta (ralentizando o tempo) moooooooiamodddiiiiiñññño (tempo estirado elástico plástico diluído) aínda así, uns verán un penalti coma unha casa e os outros un piscinazo merecente dun Óscar de Hollywood (quero dicir, dun Mestre Mateo).

O tempo e a verdade son relativos. Debe de ser por iso que pasan 40 anos das primeiras eleccións, e moitísimos máis (tempo estirado elástico plástico diluído esquecido ignorado humillado) de corpos apodrecidos nas cunetas, de esqueletos olvidados polo posfranquismo (que é como a posverdade, unha maldición) e directamente non existen, non están, non son. O tempo non é relativo para celebrar as eleccións, ou para o cabreo do Rei Emérito (pensei que se chamaba Juan Carlos) porque se esqueceron da súa persoa nos fastos (todo é relativo, maxestade), nin para pendurar medallas nos pescozos amigos. Pero para facer xustiza ou memoria histórica ou simplemente, para amosar humanidade, si. Relativísimo.

O reloxo do tempo avanza diferente para o poder e para o resto. E se estás morto nunha cuneta, máis aínda. Quizais, cando as naves voen á velocidade da luz, poderemos sincronizar os reloxos todos: os da política, os dos dereitos humanos. E os da moral. Sobre todo eses, que andan sempre con retraso.

(este artigo publicouse na edición en papel do semanario Sermos Galiza do día 13 de xullo de 2017)

Os comentarios están pechados.