10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 9: WORKING CLASS HERO

Posted by franciscocastro - 19/06/17 at 02:06 p.m.


Porque son o fillo da carniceira de Teis.
Porque o meu pai empezou a traballar cando tiña 11 anos e, como era tan alto, mentiu e dixo que tiña 14 para que lle deixaran empurrar da carretilla.
Porque me criei nun barrio de pantalóns con remendos, onde non se tiraba nada, onde a roupa duraba ata que se desfacía, onde o frío se combatía dobrando o lombo e traballando arreo.
Porque crecín nun mercado, entre señores que ás 5 da mañá metían un Sansón dentro do peito para ser capaces de entrar nas cámaras frigoríficas para sacar as tenreiras.
Porque escoitei historias de pobreza e fame.
Porque non olvido.
Porque desprezo a pijería soberbia e de clase dos que miran por enriba aos demais.
Porque non esquezo quen son, de onde son, e onde quero seguir estando.
Por todo iso, esta é unha das cancións da miña vida.

Deixa unha resposta