10 CANCIÓNS (POSIBLES) DA MIÑA VIDA. 8: ANOTHER ONE BITES THE DUST

Posted by franciscocastro - 12/06/17 at 02:06 p.m.


Conteino mil veces. Antes que escritor, eu o que quería ser era músico. Fun a clases de guitarra anos e anos, e tiña o meu grupo na adolescencia, como tanta xente. Naquela época da Movida Viguesa eu era cativo de máis (empezando adolescencia) e pilloume co pé cambiado e, ademais, a miña liña de intereses musicais estaba algo afastada do que se facía por aquelas datas. Dito en prata: que facía a música trabucada.
Na miña casa hai ducias de cintas de casette con gravacións de composicións miñas, cantadas por min.
Algún día alguén do futuro escachará de risa (ou non) escoitándoas.
Todos os que soñamos con ser músicos (eu aínda o soño) e somos guitarristas (eu, moi mal guitarrista) soñamos tamén algunha vez con tocar o baixo. Para min é un misterio insondable ese instrumento, aínda que o teño tocado (por suposto, un Hoffner en forma de violín, como o de McCartney). Sen embargo, cando tocamos esta canción, un sempre pensa que sabe tocar o baixo.
Esas notas iniciais, perdín a conta das veces que as toquei.
Por iso é unha das cancións da miña vida.

Deixa unha resposta