10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 7: SUMMER NIGHTS (GREASE)

Posted by franciscocastro - 09/06/17 at 02:06 p.m.


E non o podo evitar.
Cando na tele, cada pouco, a volven poñer, véxoa. E gózoa como se fose a primeira vez que a vexo. E cabréome con Danny por imbécil. E cabréome con Sandy por ñoña. E na miña casa, claro, fuxen do salón porque vou poñerme a facer comentarios do tipo, “mira, agora é cando van e cantan non sei que”, ou, “ollade, ollade, veredes como molan eses coros”. E canto as cancións en alto, e chúpome os títulos de crédito completiños… E todo isto, claro, tan patético, ten unha explicación.
Grease estreouse nos cines en 1978, ou sexa, cando teño 11 anos e, xa que logo, abríndome ao mundo. A primeira referencia que teño dela é do programa APLAUSO, aquel mítico espacio da TVE (a única que había) na que se tocaba en directo e polo que pasaban os mellores grupos do momento (agora fan videoclips e punto). Acórdome do presentador, José María Fradejas, falando entusiasmado daquela película que estaba arrasando no mundo enteiro. Eu estaba no salón da casa, coa miña nai. Pasaron unhas imaxes e fiquei apampado diante do que estaba vendo. Naquela altura, eu só podía ir ao cine Roxy, o do barrio, onde as películas chegaban un ano máis tarde que no resto das salas do centro. Así que imaxinade a miña frustración.
A segunda referencia veu polo meu primo Juan que era maior ca min e que, polo tanto, xa fora vela ao cine. Pasou semanas contándoma (antes facíase moito isto de que alguén vise unha película e logo a contase) e daquela as miñas ansias por vela se volveron insoportables.
A terceira foi no Bar Padrón (que aínda existe), da rúa Sanjurjo Badía de Vigo. Alí iamos meus pais e tíos e primos logo da misa en Jesuítas o domingo a tomar, os maiores, vermú con sifón, e os cativos, unha cocacola. Coa tapa correspondente de calamares, por suposto. Como era tradición, os meus curmáns pediron a seu pai “un duro” para a máquina das bólas. Eu, que sempre facía o mesmo, aquela mañá variei o costume e pedinlle a meu pai cinco pesetas, pero para a máquina dos discos, que antes había en moitos locais. Puxen esta canción e fiquei alí, pegado á máquina, enfeitizado por completo.
Semanas despois deixáronme coller un Vitrasa, que é como lle dicimos aos autobuses en Vigo, e fun vela, co meu primo Juan, que era maior e quizais por iso me deixaron ir. O pobre accedeu a vela unha segunda vez só para que eu puidese ir. Foi no cine Plata, que estaba na rúa Urzáiz. Vina por vez primeira e encantoume, claro. Naquela altura da miña vida só me interesaba a música e a lectura. En fin, hoxe só me intersa a música e a lectura. Do segundo fixen profesión. Do primeiro, melancolía.
Días despois, unha compañeira do cole apareceu cun pantalón de coiro axustado. Creo que namorei ao instante dela. Era, aos meus ollos infantís, Olivia Newton-John.
E, inevitablemente, cada vez que botan a película na tele, fico atrapado en todas esas sensacións marabillosas que veño de contar.
E por iso, esta canción, é unha das cancións da miña vida.

Os comentarios están pechados.