10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 6: MY SHARONA

Posted by franciscocastro - 05/06/17 at 02:06 p.m.


Tiña 13 anos cando Fito, un dos meus amigos daquela, mercou este single. Puñámolo no xiradiscos da súa casa unha e dúas e mil veces. Colliamos o pau das vasoiras e veña a facer como que o tocabamos, dando chimpos. No momento do só de guitarra final, un dos mellores e máis espectaculares da historia do rock, eu acababa de xeonllos tirado polo enlousado daquela cociña que era escenario dos nosos éxitos.
O mellor é que pasaron corenta anos e sigo facendo o mesmo. Teño tocado con paus de vasoira, con raquetas, con espumadeiras e incluso sen nada, facendo o punteo, así de parvo, cos dedos polo aire sobre unha guitarra imaxinaria.
Na casa, ás veces, cando estou baixiño, prendo a guitarra eléctrica, poño auriculares e tamén a toco aínda que non me sae tan ben como co pau da vasoira, a raqueta, a espumadeira ou cos dedos sobre a guitarra imaxinaria.
Mais paso tan ben coma cando tiña 13 anos, alí, na casa de Fito.

Os comentarios están pechados.