10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 4: BLUES DE MAR

Posted by franciscocastro - 25/05/17 at 02:05 p.m.


Cando a alguén se lle pregunta polas “cancións da súa vida”, adóitase ir á infancia e á xuventude, nunha actitude melancólica que non sempre é, ao meu ver, a máis saudable. Aínda que eu tamén o fago, claro, e as músicas que trouxen a esta serie, e as que traerei, caen nese tópico inevitable, porque hai cancións que nos marcaron, acordes que nos descompuxeron o ánimo, e melodías que nos enmarcaron un momento feliz ou triste, e polo tanto son cancións que quedan con nós, para sempre.
Mais hoxe non será o caso.
Gaby Moreno é un descobrimento que fixen hai algo máis de catro anos. E, debo recoñecer, grazas a Spotify. Eu, que amo o vinilo, que teño gardados coma tesouros moitos discos neste formato, quero, sobre todo, ser un home do meu tempo. E por iso non renego do que a contemporaneidade me ofrece nin na música nin no resto das cousas. Dende as redes sociais ao libro dixital pasando por toda clase de apps que me fan, se as uso ben e con cabeciña, a vida mellor. E, como digo, paso horas ao día en Spotify, creando playlist (as miñas novelas TES ATA AS 10 e AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA naceron con dúas playlist asociadas) e deixándome aconsellar por outras usuarias e usuarios que, á súa vez, as crean. E coido que é unha maneira interesante de descobrir músicas que, dalgunha maneira, non son moi diferentes do que faciamos na época do instituto cando alguén gravaba unha cinta de cassete para prestárnola cunha selección das cousas que tiña por casa. Cantos bos grupos e solitas coñecimo grazas a iso.
Vede este vídeo ata o final. Son tres minutos da vosa vida. Veredes unha intérprete que me ten abducido. Dun talento maiúsculo. E atendende á letra e todo o que di.
É unha das cancións da miña vida.

Os comentarios están pechados.