10 Cancións (posibles) da miña vida. 3: WHATEVER YOU WANT

Posted by franciscocastro - 23/05/17 at 02:05 p.m.


Esta canción dos Status Quo leva acompañándome toda a vida e, de feito, cando collo a guitarra eléctrica na casa, móntoa. Ou cando quedaba cos amigos (temos que recuperar iso, por favor) para tocar no estudio, esta non falta nunca.
Recordo cando a toquei (máis ou menos) por vez primeira. El igual non o lembra pero eu si. Foi na casa do meu amigo da infancia, Francisco Fernández Araujo, Paco, hoxe baterista do mellor grupo da contorna á hora de recrear a música dos Beatles, The Hendersons.
Estabamos no inmenso (a min parecíame inmenso) salón da súa casa. Lembro por aqueles días de finais da EXB comer a toda présa para ir buscalo á súa casa e antes de entrar nas clases da tarde, escoitar música, que había e moi boa na súa casa (por algo o seu irmán Valerio é un dos históricos da música rock en Vigo). E por alí andaba unha guitarra. Lembro poñer RE Maior e, igual por casualidade ou por pura intuición, o meu dedo maimiño deu exactamente onde tiña que dar para que soase o inicio da canción (logo da intro) como tiña que ser.
Jo, lembro a alegría que me deu. Naquela altura as cancións había que “sacalas” buscando os acordes, probando. Se tiñas sorte, alguén che pasaba unha libreta con eles. Hoxe os titoriais de youtube xa o poñen todo moi doado.
Esta canción continúo escoitándoa a volume insán para os meus tímpanos.
Esta canción continúo tocándoa a volume insán para os meus tímpanos.
E é unha das cancións da miña vida.

Os comentarios están pechados.