10 (POSIBLES) CANCIÓNS DA MIÑA VIDA. 2: IF I FELL

Posted by franciscocastro - 12/05/17 at 02:05 p.m.


Cando era pequeno, o meu irmán tiña un “tocadiscos” DUAL. Era unha máquina pequerrecha coa tapa que facía de altofalante. Era de cor beige e eu xogaba a poñer os discos e imaxinaba que os Beatles vivían dentro daquel altofalante.
Cantaba, daquela, o ESPINAJAU, que era (de feito sigo facéndoo así) como eu cantaba, co cepillo do pelo da miña nai a modo de micrófono, ‘It’s been a hard day’s night’… O banda sonora daquel disco dos Beatles, aqueles fotogramas daqueles “melenudos” como os chamaba meu pai, enfeitizáronme cando cativo e aínda a día de hoxe sinto ese burbulleo especial dentro do corazón cada vez que o collo nas mans. Se hai un disco que me leva á infancia, é este.
Dese traballo dos de Liverpool hai outras cancións máis famosas que esta que escollín. Pero adoro ‘If I fell’. Xa de pequeno sentín o abraio eléctrico desas tres voces tan ben empastadas. John e Paul, ademais de ser grandísimos músicos e excelentes compositores, foron sempre mestres na arte coral, cantando a voces colocadas xusto onde tiñan que estar. Amosárono mil veces durante a súa carreira. Dende esta canción a, por exemplo, ese alarde preciosista que é ‘Because’.
De pequeno puña a canción a toda pastilla ata que meu pai viña mandarme baixar o volume desa música que era “ruído”. Hoxe, escóitoa aínda máis alto. E podo presumir de que son quen de chegar aos agudos que fai Paul na parte final da canción.
Se podedes, metédelle caña ao volume. Pechade os ollos e gozade desta marabilla.

Deixa unha resposta