Cando o goberno financia o odio

Posted by franciscocastro - 27/04/17 at 02:04 p.m.

Hoxe espertamos coa nova de que o goberno de Rajoy repartiu xa máis de un millón de euros entre asociacións homófobas e ultracatólicas, grupos que organizan manifestacións onde é frecuente ver a bandeira preconstitucional, brazos en alto e vivas cara al sol. Todas elas (está todo aquí) destacan pola súa virulencia á hora de atacar todo o que eles entenden que está fóra do “normal”. Reciben milleiros de euros, dos teus cartos e dos meus, para estender a súa mensaxe contra a igualdade de xénero, para manter que a homosexualidade é unha enfermidade, ou que as mulleres que abortan son unhas desequilibradas dende o punto de vista emocional. Insisto, lede a nova que vos deixo para que flipedes a colorinchos. Esas son algunhas, Outras, reciben cartos para homenaxear a figura de Francisco Franco ou Blas Piñar.

Estes grupos (os seus directivos adoitan estar vencellados a certo partido que xa imaxinades) subvencionados polo goberno actual, gozan tamén da declaración de “Utilidade Pública”, polo que teñen ventaxas fiscais importantes aínda que o seu labor sexa claramente destructivo ou claramente contrario aos Dereitos Humanos e o respecto a todas as persoas independentemente da súa orixe, posición social ou condición sexual, valores, por certo, que defende a Constitución aínda que a eles non lles guste. Por certo que esa condición de “Utilidade Pública” só a poden ter aquelas agrupacións que miren polo “interese xeral” (e agora un dato que seguro que é casualidade; o anterior ministro, e membro do Opus Dei, Fernández Díaz, foi quen lla concedeu a eses demócratas de toda a vida de Hazte Oír, eses que odian ás nenas e nenos transexuais).

Un millón de euros son moitos euros. Diñeiro a esgalla co que se podería facer moitísimo, por exemplo, para todas esas miles de persoas que están traballando anónimas para conseguir un mundo mellor, é dicir, que non están traballando CONTRA senón A FAVOR DE. E quen di as ONGs di por exemplo todo ese asociacionismo cultural de base, do que en Galicia temos moito, de xente bulideira, creativa e xenerosa, que lle mete horas porque si, palmando pasta, e sacrificando o seu tempo, para facer cultura, para darnos cultura (premios, debates, presentacións de libros, obradoiros, concertos…sempre todo de balde), para fomentar a cultura. Todas estas asociacións viven sempre na penuria máis absoluta malia que FAN UN BEN OBXECTIVO dende o punto de vista social (odiar aos transexuais, aos homosexuais, aos estranxeiros, loubar a un ditador É UN MAL OBXECTIVO QUE NON DEBE SER FINANCIADO), malia que contribúen a que sexamos mellores, menos incultos. Pero nunca hai cartos para eles. Petan nas portas e case que sempre escoitan o mesmo: é que con isto dos recortes non hai como axudarvos…

Normal. Os cartos están para outras cousas, seica, máis importantes.

Os comentarios están pechados.