Cando os incendios non importan

Posted by franciscocastro - 24/04/17 at 02:04 p.m.

De pequeno sabía que comezaba o verán non porque Puri, a da tenda, sacase o cartel dos Helados Camy. Nin sequera porque acabasen as clases.

Sabía que chegaba o verán porque o avión da ICONA sobrevoaba os ceos collendo auga diante da miña casa para lanzala sobre as lapas dos moitos incendios que había por todo o país. Daquela, a nosa conciencia ecoloxista era pouca e dalgunha maneira entendiamos, asumíase, que era unha desgraza que había que aturar e santas pascuas.

A partir dos 80 empezamos a entender que había unha relación directamente proporcional entre o feito de que o monte ardese e a especulación económica. Ou dito doutra maneira, que había quen tiraba proveito dos lumes. A día de hoxe a tentación é seguir pensando igual, aínda que o fácil, coma sempre, é botarlle a culpa aos toliños do monte (nunca mellor dito), que os haberá, claro que si, que como son pirómanos, pois iso, que non o poden evitar. Oxalá fose a única explicación. Así sería todo moito máis doado de entender.

En efecto xa é verán, porque durante a fin de semana ardeu o país e xa está o ceo inzado de avións e bombeiros a correr dun lado para outro. E sexa cal sexa a explicación de por que arde o monte, o que xa non é de recibo é que a estas alturas sigamos aceptando que os lumes forestais son unha especie de maldición bíblica que periodicamente hai que padecer. A día de hoxe, dada a gravidade do problema, hai unha necesidade absoluta de que se poñan medios (de vixiancia, de prevención, de extinción, recursos humanos…) como para poderlle facer fronte con garantías a esta cuestión. Se sabemos que cada ano vai suceder, e non aumentamos o orzamento para atallar a problemática, se non facemos o que se poida dende a xestión para que se atalle esta cuestión, daquela, unha de dúas: ou non nos parece importante impedir que arda o monte, ou estamos rodeados de incompententes (ou tres: a alguén lle interesa que o problema non remate).

Os comentarios están pechados.