O compromiso necesario

Posted by franciscocastro - 18/04/17 at 02:04 p.m.

Tal día coma hoxe, hai 62 anos, morría Albert Einstein. Poucos intelectuais coma el teñen adquirido a condición indiscutible de Sabio, así, con maiúsculas. Por iso, as súas citas (as reais e outras inventadas que se lle poñen na boca e que nunca dixo, pero que lle acaen ben) andan decote por todas partes movéndonos á reflexión.

De todas elas, unha das que máis me gustan é aquela que di: “A verba progreso non ten ningún sentido mentres haxa nenos infelices”.

Non vou entrar a analizar a obviedade que di e que, sen embargo, quizais por obvia, tanto se esquece. Prefiro lembrar algo que se ten cuestionado moito, como é o papel dos intelectuais, da xente da cultura, das persoas que dalgunha maneira teñen certa proxección pública, como críticos co poder (como Einstein foi). Moitas veces fálase de que o que teñen que facer os creadores é crear, que o que teñen que facer as persoas que se manexan coa palabra, coa arte, co pensamento (no noso caso hai que engadir, coa lingua), que o que teñen que facer é, digo, centrarse “na súa arte” e máis nada. Xa sabedes, aquilo que dicía Franco: “haga como yo y no se meta en política”.

Político é todo. Incluso non meterse en política. É imposible non facelo.

Pola miña parte, quero mulleres e homes comprometidos que poñan a súa voz a prol das causas favorables á mellora do mundo, da realidade presente, do futuro desexable. Persoas da cultura porque teñen a sorte de ser escoitadas, lidas, vistas. Dos demais tamén, sobre todo hoxe, que temos plataformas áxiles como as redes sociais para erguer a voz ou reflexionar en comunidade. Esas posibilidades son tamén responsabilidades. Porque todo, insisto, é político. E non deixamos de facer nunca política, nin sequera cos silenzos.

 

Deixa unha resposta