Igual o fútbol non é para tanto

Posted by franciscocastro - 12/04/17 at 02:04 p.m.

O Celta da miña infancia

A todos nos ten pasado algo así: estamos noutro país e pregúntannos de onde somos. E dicimos, no meu caso, “de Galicia”. Cando vexo que se lles pon, como adoita suceder, cara rara, matizo, “España”. Aí xa o teñen todos claro, pero se insisten en saber máis, digo “Vigo”. En moitas ocasións, o noso interlocutor di: “Ah, Celta de Vigo!” E daquela sorrío e digo, “iso, o Celta de Vigo”.

Moita xente di que os equipos de fútbol SON as cidades, como se fosen patrimonio de todos e de todas. Para o caso vigués, o Celta sería tanto coma as Cíes ou a Rúa do Príncipe. Cando nego isto e digo que os equipos, como o Celta, teñen un dono (son Sociedades Anónimas), un empresario que o que quere, e paréceme moi ben, é facer caixa co seu negocio (por iso é empresario) polo xeral a xente altéraseme e lárganme un discurso sobre “os colores” e “o escudo” e unha serie de sentimentos, todos eles fermosos que, se non fose que non mos creo, faríanme chorar a eito (o que non quita que quero que gañe sempre o Celta, estamos?; pero tamén o Dépor).

Para moita xente, que unha cidade teña un equipo importante (de fútbol, enténdese) é motivo de orgullo e alegría infinda (imaxino que parte do desgusto de moitas e de moitos coa posibilidade de que o presidente do Celta leve o equipo a outro concello, ten que ver con isto). E moita xente identifica a importancia dunha cidade, a súa relevancia, con esta balompédica cuestión. E como lle dán tanta importancia, mobilízanse (lembrades a que se montou en Vigo cando o Celta sufrira un descenso administrativo a Segunda B con manifestacións incluídas?), ocupan as rúas, e fan festa (ou choran) segundo os resultados.

Insisto: non me parece mal.

Mais se falamos un chisco en serio, deberiamos centrarnos noutros indicadores á hora de ditaminar o nivel de orgullo que nos fai sentir unha cidade:

-como andamos de centros de saúde?

-que tal as listas de espera?

-é unha cidade accesible?

-o paro que?

-moita xente nos comedores sociais?

-pechan ou ábrense librerías?

Non sei, asuntos menores.

Asuntos, todos eles, que polo xeral teñen ben pouco que ver co que pase (e insisto, hala Celta!) mañá en Balaídos.

(e de verdade, que quero que gañen, eh? de feito, dende pequerrecho me levaban a Balaídos; velaí queda a foto do Celta da miña infancia).

Os comentarios están pechados.