Reclamo o meu dereito a vivir nun estado aconfesional

Posted by franciscocastro - 10/04/17 at 02:04 p.m.

Todo o mundo entende e ve como normal que os alcaldes e alcaldesas deste país que non é confesionalmente católico, participen nos actos da Semana Santa, presidindo as procesións ou bendicindo ramos ou o que sexa. Quen di o alcalde di o exército ou a policía vestida con uniforme de gala, como se ve en tantos sitios.

Todo o mundo entende e ve como normal isto…pero non debería ser. E avanzaríase moito na construcción dunha sociedade respectuosa con todas as tradicións culturais e relixiosas se os representantes políticos se puxesen fóra da relixión para centrarse na política, ou sexa, no de todos e se fixese ver que o estado (a lei, a soberanía popular) non participa de ningunha clase de culto (isto debería incluir á familia real que claramente “oficia” varias veces ao ano, aos “funerais” de estado, que deberían sustituírse por homenaxes cidadás…etc). Porque o normal, ademais, non é ser católico. O normal é ser cidadán. E non me parece mal que haxa máis católicos que do resto, pero si que as cidades se volvan durante estes días “normalmente” nazarenas, por dicilo cunha imaxe gráfica.

A relixión non debe ocupar as rúas, nin os colexios (como pode existir aínda a asignatura -avaliable, puntuable- de relixión?; na escola non se pode ensinar unha fe que depende do único estado europeo -o Vaticano- onde a muller sigue discriminada por lei, non se pode aprenderlles á cativada unha fe que di que as normas de Deus son máis importantes, poño por caso, que o que decida un Parlamento se a lei  humana vai contra “a divina”; sen embargo, o que se cargaron, que curioso, foi Educación para a Cidadanía que defendía outra clase de valores: feminismo, igualdade, solidariedade).

Unha maneira de escenificar a normalidade esperable no século XXI sería que os representantes políticos estivesen de todo fóra destas actividades que non deben figurar na súa axenda (se logo queren ir á Igrexa, como persoas privadas, que vaian). Mais non é así, e todos lembramos as broncas que se lle botou a certos alcaldes por non ir a actos na Catedral ou cousas polo estilo a ler un discurso para que o Santo que tocase “intercedese” polo que fose.

Quen di o da Semana Santa di que os ministros e ministras sigan xurando ou prometendo o seu cargo cunha cruz diante, que a Igrexa non pague o Imposto de Bens Inmobles en moitos sitios, e mil etcéteras que están no pensamento de todos e de todas.

Reclamo o meu dereito a, de verdade, vivir nun estado aconfesional.

 

Os comentarios están pechados.