É facebook un medio de comunicación?

Posted by franciscocastro - 23/03/17 at 03:03 p.m.

Está aberto un debate, coido que de complexa solución, para responder á pregunta de se Facebook (e por extensión o resto das redes sociais máis usadas, coma Twitter, Instagram ou Youtube) debe ser considerado ou non un medio de comunicación como pode ser un xornal, unha emisora de radio ou unha canle de televisión. Resolver esta cuestión nun sentido ou noutro non é asunto menor, pois da resposta depende o  nivel de responsabilidade que lle pidamos á rede social diante da publicación de determinadas “informacións” que claramente non sexan certas.

Sobre todo nos Estados Unidos, onde a tradición do debate sobre os límites da información e a responsabilidade dos medios (no fondo da cuestión está o da Libedade de Expresión, hoxe tan ameazada), é forte, mantense con forza que si, que Facebook é un medio de comunicación con total claridade e, polo tanto, que ten que establecer mecanismos para controlar o que os usuarios publican para evitar a aparición de noticias falsas (ou comentarios, ou fotografías), de carácter violento, que inciten ao odio, etc. Nesta era da “posverdade”  no que importan máis as emocións que xenera unha “noticia” que a veracidade da mesma, o universo dos “likes” compulsivos que xenera a rede social fan que, na procura deses “gústame” e no peor dos casos, na procura de adeptos a tal ou taloutra causa, teñamos que estar moi alertas a todo o que os usuarios publican polos efectos perniciosos que poidan xerar.

Por outra banda, están os que din que primeiro de todo debe primar a liberdade dos usuarios para publicar o que queiran, sexa o que sexa e que, como a fin de contas un decide a quen sigue e a quen non, que daquela a responsabilidade final é do, digamos, lector desa información, sexa ou non información ou sexa propaganda, ideoloxía ou, directamente, difamación iso que un “voluntariamente” decide “consumir”.

Eu teño claro que si que o é, un medio de comunicación e que, xa que logo, a rede é responsable de moito do lixo que circula por ela. E non teño dúbidas de que esixirlles máis control sobre este tipo de “informacións” non vai  mermar o noso nivel de liberdade como usuarios e usarias da mesma.

Os comentarios están pechados.