Eu xa viaxei a…

Posted by franciscocastro - 22/02/17 at 03:02 p.m.

Onte entrevistáronme nunha radio e unha das preguntas que me fixeron foi a onde me gustaría viaxar. Dixen que a todas partes e que non vai chegarme unha vida para ir a tantos sitios como me gustaría. Incluso engadín que, de existir a posibilidade dunha liña aeroespacial que me puxese na Lúa ou en Venus (préstame máis que Marte, o amor e todo iso, xa sabedes), que non dubidaría en subir na astronave e visitar outros planetas.

Logo decateime de que ademais das viaxes físicas que xa fixen, e outras moitas que espero facer no futuro, e ás que sempre lles tiro tanto proveito, xa levo unhas cantas ben interesantes.

Vai a relación dalgunhas delas. Non están todas. Pero estiven neses lugares. A saber:

-O país das marabillas. Coincidín cunha tal Alicia. Moita risa.

-Macondo. Fixen varias excursións nesa terra estraña pero feliz. Lembro que chovían peixes e que había unha nena morta que falaba.

-A illa do tesouro. Buf. Xa non lembro cantas veces fun. Vólvome pirata e vou dos malos. Sempre gañan os repelentes dos bos. Confórmome.

-Malaisia. Quedo cun tal Sandokán, o Tigre de Bengala, que ten un pelazo que envexo profundamente. O problema son os hoolingans ingleses. Un incordio. Pero paga a pena.

-O Centro da Terra. Fun con Xulio. Un tipo aburrido. Ata que se pon a contar. Aí esmendréllaste.

-No País de Nunca Máis. Fixen amizade con Garfo e Smith, os dous moito máis interesantes que o neno bolboreta ese.

-No Asteroide B 612. Hai un baobab e unha flor que dá gusto coidar. Goberna un principiño que nunca está. Todo tenrura e enigma.

(…)

Os comentarios están pechados.