Ver números ou ver serpes (unha clase política inculta á que non lle preocupan os libros)

Posted by franciscocastro - 10/02/17 at 03:02 p.m.

Antoine de Saint-Exupèry escribiu un dos libros máis redondos da historia da literatura, como é “O Principiño”. Por moitos motivos. Entre outros, polo seu comezo, cando se fai aquela reflexión sobre a xente adulta e a xente cativa e nos deixa claro que o que lles gusta aos adultos son os números mais que o que realmente importa (por iso o esencial é invisible aos ollos) é seguir sendo quen de ver dentro dun suposto sombreiro un elefante pechado dentro dunha boa.

Hai unhas hora fun longamente entrevistado para unha revista. Xa vos contarei cando saia. Mais, entre outras cousas, falei do dubidoso que me parece iso que soltan os que nos gobernan cando empezan a falar de recuperación económica e, polo tanto, de que melloramos. Imos dar por suposto que si, que mellora a economía (que teño dúbidas), que se crea emprego (que clase de emprego?), que repunta o consumo (de que calidade?). Imos maxinar que si. A conclusión que eles sacan é que agora todo vai ben, que estamos “mellor”. Na entrevista expliquei que iso é unha falacia e que se de verdade queremos afirmar que estamos mellor tamén hai que ter en conta cantas librerías hai por habitante (pecharon moitísimas dende o inicio da crise, aínda que no último ano se estancou a caída), cantos libros se venden (algo se mellorou o ano pasado, pero ten moito que ver coa aplicación do calendario da LOMCE e a venda de libro de texto), canta xente le ou non le (temos dos índices de lectura máis baixos de Europa), se hai bibliotecas suficientes e están ben dotadas, etc.

O problema é que eles ven números. E hai que ver serpes e elefantes e principiños e flores e estrelas afastadas. Cultura.

Mais semella dubidoso cunha clase política que, en xeral, é escandalosamente inculta.

Os comentarios están pechados.