Librerías que nos namoran

Posted by franciscocastro - 06/01/17 at 09:01 p.m.

Empezamos o ano con datos optimistas no que se refire a vendas de libros.

Logo da caída brutal do consumo de libros en España dende o inicio da crise en 2008 (caída de aproximadamente o 40 % das vendas en librería), a “Confederación de Gremios y Asociaciones de Libreros” informa de que 2016 remata cunha subida de case que o 3%. Falamos da venda en librerías, que dende ese 2008 non facían máis que pechar e que, agora, semellan terse estabilizado, existindo na actualidade 3895 librerías abertas en España. Nunca son moitas. De feito, deberían ser máis. Como deberían ser máis as bibliotecas. Nunca hai dabondo.

As cousas están cambiando e, dalgunha maneira, para ben.Porque o que estamos a constatar é que boa parte da explicación dos bos resultados (aínda que tímidos, empezan ser bos) é o nacemento, en moitas cidades (en Galicia véñenme á cabeza unhas cantas) de librerías moi noviñas cunha filosofía diferente á tradicional e que consiguen chamar a atención case que dende o día mesmo da súa apertura.

Novas librerías que fan que as lectoras e lectores volvan entrar nas tendas (e que non lles apeteza, de paso, mercar online nos grandes monstros da distribución que todos sabemos). Tendas non moi grandes pero moi activas, cheas de actividade arredor do libro, a palabra, a escrita e as autoras e autores, durante todo o mes, xa non só as típicas presentacións de libros, senón que, nalgún caso, están a convertirse, en moi pouco tempo, en focos moi dinámicos de cultura arredor do libro. Libreiras e libreiros moi novos que abren os seus establecementos e que, dende o primeiro momento conciben a súa tenda non só como un local que está aberto para que a xente pida libros, senón que van por eles, coidan os escaparates e os detalles (hainos con cafés, con zonas de lectura merques ou non, con sofás onde follear os libros antes de os mercar…), o propio espazo físico da tenda, para que apeteza entrar e pasar tempo alí dentro. Quizais non mercan hoxe. Pero mercarán outro día. Libreiras e libreiros que fidelizan aos seus clientes pois saben xa non só que van ser ben atendidos, senón que os e as profesionais que alí traballan destilan paixón polo libro e a lectura, igualiño que os que entran mercar os volumes. Por iso hai quen só merca nesas e non noutras.

As libreiras e libreiros empezan a entender que o seu traballo agora é moito máis que ter fondo bibliográfico. E que traballar con esa filosofía é bo para os seus negocios e para a saúde do sector libro en xeral.

Estou certo que todas e todos temos estes lugares en mente tanto no noso país como nas principais cidades de España ou Europa.

Os moitos nacementos deste tipo de librerías están a ser unha das mellores sorpresas deste novo panorama, confuso pero interesantísimo, no que estamos a nos mover. Que sigan medrando.

Os comentarios están pechados.