Leia

Posted by franciscocastro - 27/12/16 at 10:12 p.m.

Un día de novembro de 1977, un feixe de nenos e unha nena do barrio de Teis, subían no Vitrasa número 11 para ir ao centro, concretamente ao Cine Fraga, á estrea “La Guerra de las Galaxias”. Nervios. Risas Co Un cine grande, inmenso, con clase, nada que ver co noso Cine Roxy de a diario. Todo un acontecemento. Recordo que facía sol. O impacto que aquela película tivo sobre Fito, Tote, Juan, Pucho, Miguel, José el de Abajo, Cristinita, e sobre min, claro, foi enorme e definitivo. Pasamos os días seguintes xogando a que eramos Jedis, a que acababamos co Imperio, a que tiñamos pistolas que lanzaban láser, a que podiamos voar polo espazo estelar libres e ceibos coma Luke Skywalker…

Lembro moi ben aqueles días e lembro o moito que me gustaba Carry Fisher, aquela atriz case que adolescente a quen ollei engaiolado durante meses nun póster dalgunha revista (creo que do “Lecturas” que mercaba a miña madriña) que estaba pegado, quen sabe como, nunha das “paredes” por chamalo dalgunha maneira, dunha das moitas cabanas de cartón, madeira de caixas de froita do mercado e imaxinación que faciamos por aqueles días.

E lembro, sobre todo, un día, no meu portal, xogando a “La Guerra das Galaxias” nos que collín a Cristinita, ou sexa, á Leia do noso xogo de barrio, e lle espetei un morreo no medio da boca. Eu era Han Solo. Ela era Leia.

(In memorian Carry Fischer 1956-2016)

Os comentarios están pechados.