Dende o tempo de Rosalía de Castro nada mudou

Posted by franciscocastro - 24/11/16 at 03:11 p.m.

rosalia_castro

Leo hoxe no Sermos Galiza que hai hoxe 155 anos que Rosalía de Castro publicou o seu primeiro texto en galego. Foi no número 47 de “El museo universal”, daquela, a máis importante revista ilustrada da súa época. O máis impresionante deste feito, ademais do feito de que fose en galego, iniciando así o noso Rexurdimento, é que é unha primeira versión do que logo será o “Adiós, ríos/adiós fontes” cunha estrofa que logo, cando se editou en libro, suprimiu, segundo sinalan algúns expertos coma Francisco Rodríguez, pola censura.

Concretamente, eses versos din así:

Por xiadas, por calores
desde qu´amañece ó día
dou á terra os meus sudores
mais canto esa terra cría
todo… todo é dos señores. 

Todo é dos señores….mais actual non pode ser. Señores como poderosos e señores como homes. En plena crise, gañando máis os que xa máis teñen. Hoxe en día, concentrando máis poder e máis riquezas. Ou se queredes, os pobres, cada vez máis pobres.

Sempre digo que Rosalía de Castro escribiu para a súa época e tamén para a nosa. E, polo que se adiviña no futuro, tamén para as épocas que virán. Por iso a súa obra é clásica e inmorrente.

Os comentarios están pechados.