O ministro de cultura e Leonard Cohen, bailando pegados

Posted by franciscocastro - 14/11/16 at 04:11 p.m.

vigo

O ministro de Cultura, o outro día, meteu a zoca cando dixo que lamentaba o pasamento de Leonard Cohen ao engadir que con el bailaran moitas xeracións de españois. Igual estaba confundíndoo con Sergio Dalma. Ou quen sabe con quen. Dixo iso e non pasou nada. Que ía pasar. Quizais pasaría se dixese que Nadal vai facer un gran papel no Madrid ou que Gasol ten moitas posibilidades en gañar este ano en Moto GP.

Dende logo que para ser ministro de algo non hai que ser necesariamente especialista dese algo. Din que hai que ser un bo xestor. Será así e por iso, seica, eu podo dirixir o ministerio de Sanidade sen ser médico nin enfermeiro ou nada relacionado coa saúde con tal de que saiba xestionar ben. E non che digo que non. E eu podo ser ministro de Defensa (Deus me libre!) e non ter feito, como é o caso, a mili, pois me declarei Obxector de Conciencia yamuchahonra.

Sen embargo, dubido que un poida ser ministro de Cultura sen ser unha persoa lectora, consumidora de música, de cine, de teatro… unha persoa culta e, sobre todo, cultivada. Imaxino que Íñigo Méndez de Vigo o é, non teño por que pensar o contrario. Mais, en todo caso, na súa estrea estivo ben pouco afortunado.

Todo isto, ademais, nun intre no que hai un gran debate aberto sobre a necesidade, ou non, dun Ministerio de Cultura. Eu digo que si. E que, ademais, se lle ten que dar a unha muller ou un home compententes. E vai en serio. Porque por ser, ata, no seu día, foron ministros de cultura Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre…

Os comentarios están pechados.