A dor de todos debería ser a miña dor

Posted by franciscocastro - 07/11/16 at 03:11 p.m.

prague-1274778_960_720

Durante os meus estudos de Filosofía houbo dous libros que lin moito máis que os outros. Por unha banda, o “Tractatus logico-philosophicus” de Ludwig Wittgenstein e, por outra “El existencialismo es un humanismo”, de Jean-Paul Sartre. Neste último hai unha idea poderosa, do libro e de todo o pensamento que desenvolveron tanto el coma Simone de Beauvoir, que é esa de que un non pode ser feliz de todo se sabe que hai unha humanidade, ou unha parte dela, instalada na infelicidade, ou que eu non podo pensar que a miña sociedade é igualitaria e residente no progreso, se outras son escravas e padecen a inxustiza e a desesperación.

A idea é poderosa e resúmese nalgo así como que a humanidade é un todo. Non son eu só. Somos todos e todo o que acontece me afecta ou, cando menos, que todo canto acontece deberíame de afectar.

Coido, como digo, que é unha idea poderosa que cómpre non desprezar. Unha idea para globalizar. Para facela de todos e repetila coma un mantra. Por enriba de constitucións, de credos relixiosos e de calquera dogma. Unha idea na que profundar socialmente. E repetirmos, para non esquecer nunca, que unha sociedade onde as mulleres son asasinadas por un sistema machista violento non é unha sociedade digna; que un planeta que constrúe o seu benestar a partir  da explotación dunha metade sobre da outra non é unha sociadade onde se viva ben; que unha democracia que se cre aillada da falta de democracia imperante en boa parte do mundo non é unha verdadeira democracia…e así con todo.

A vida só é humana se todos os humanos gozamos en igualdade e plenitude da vida.

Habería que non esquecer isto.

Os comentarios están pechados.