Leo, escoito, e vivo.

Posted by franciscocastro - 03/11/16 at 03:11 p.m.

libros-infantiles-cuentos-3-5-anos

Cando volvo ler “Alicia no país das marabillas” volvo ser o neno aquel que era capaz de perseguir unha lebre que é incrible non porque fale, senón porque leva sombreiro. Aínda ando na súa procura.

Cando volvo ler “A volta ao mundo en 80 días” volvo ser o neno aquel que se estremecía preocupado porque Phileas Fogg non ía ser quen de conseguilo. Aínda hoxe tremo triste por se non o logra, malia saber que si e perdón polo spoiler.

Cando volvo ler a Mafalda, agora xa coa miña pequena, volvo ser o neno aquel que se esmendrellaba por aquelas ocorrencias tan cheas de verdade.

Cando volvo ler “A illa do tesouro”, volvo ser o neno fabulador que quería fabular fábulas fabulosas. Aínda ando detrás da fórmula máxica que Stevenson sabía e que eu aínda non atopei.

Cando volvo escoitar o acorde inicial de “A hard day’s night”  volvo ser o neno aquel que quería ser músico, un beatle, concretamente. Aínda é o meu desexo máis importante.

Leo, escoito e vivo. E sempre estou onde quero estar.

Os comentarios están pechados.