É posible unha industria de contidos dixitais en Galicia?

Posted by franciscocastro - 26/10/16 at 02:10 p.m.
Internet and electronic online news

Internet and electronic online news

O vindeiro venres participarei nunha Mesa Redonda, baixo o título É POSIBLE UNHA INDUSTRIA DE CONTIDOS DIXITAIS EN GALICIA?, en Pontevedra, ás 17.30, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, como membro da Asociación Galega de Editoras, dentro das xornadas do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación. A actividade poderá seguirse en directo dende aquí.

A cuestión é de primeira magnitude porque estamos, levamos moito tempo de feito xa, nun cambio de paradigma en todo o que ten que ver coa industria cultural. Tamén na editorial, por suposto. Un cambio de paradigma que é crucial que entendamos como editores e editoras, como profesionais da cultura, se queremos seguir tendo algunha clase de futuro. Entendelo sen poñerlle barreiras. Entendelo asumindo que é un proceso imparable e, xa que logo, que temos que afrontalo. Xa sabemos o que lle pasou ao audiovisual. Agora, como editores e editoras, temos que enfrontarnos ao fenómeno con máis intelixencia. Desbotando preconceptos (como por exemplo iso de que toda a literatura que cirucula pola rede é mala ou de baixa calidade) e sendo valentes.

Porque hai moito partido que xogar.

Porque, malia que a irrupción do dixital é imparable, tamén é certo que non o fixo, dentro do mundo da edición (falo en termos de negocio) coa forza prognosticada hai anos polos que o especialista Christian Rudder chama no seu libro recente “Dataclismo” (Editorial Aguilar) “evanxelistas tecnolóxicos”. A día de hoxe, o volume de negocio que representa o libro dixital no conxunto do estado e en Galicia é bastante anecdótico por non dicir marxinal (de feito, como lembraba un recente informe do Consello da Cultura Galega publicado hai un par de semanas, a edición noutros soportes distintos do papel baixou 5 puntos porcentuais durante o último ano). Outra cousa é o que a moitas e moitos gustaría. Mais é importante non mesturar realidade e desexos.

A forza do libro de papel é aínda crucial e segue a ser o vehículo de expresión de contidos culturais prevalecente en toda a cultura occidental. Así pois, o Dixital, tomado así como un universo conglomerado de moitas manifestacións, ten cada vez máis influenza, iso é innegable, mais aínda non acabou de callar como se imaxinaba en termos de “industria”.

Os motivos son moitos. sendo un non pequeno o feito de que aínda non funciona en termos económicos. E non sabemos se vai funcionar algún día. E se falamos de industria, estamos a falar de economía e de valor e de mercado e de retorno e de investimentos lóxicos que recollen beneficios, etc, e iso, a día de hoxe, aínda non se produciu nun volume o suficientemente considerable como para que poidamos falar de industria con I grande.

De todas estas cousas falaremos nesa mesa e comentarei o que, segundo o meu criterio, cómpre facer para tentarmos unha industria de contidos dixitais no noso país.

Estás convidado/a a vir ou, senón, a seguilo a través da rede.

 

 

Os comentarios están pechados.