Bibliotecas sen recursos

Posted by franciscocastro - 24/10/16 at 02:10 p.m.

library-657112_960_720

Hoxe é o Día da Biblioteca e a rede e os medios de comunicación tradicionais énchense de mensaxes que nos lembran o seu labor e a súa importancia. Sobre iso, dende logo, nada temos que engadir. Só sumarnos ás mensaxes colectivas de amor a estes recintos sen os que, dende logo, algúns non seriamos quen somos. E aproveitamos para lembrar, claro que si, que as bibliotecas son algo necesario. Non un luxo nin unha excentricidade. Son necesarias. Porque unha sociedade necesita, para ser civilizada, deses espazos de liberdade, creatividade e encontro sociocominutario que son as bibliotecas.

Hoxe quero lembrar que as bibliotecas precisan recursos económicos para poder funcionar. E que a administración (central e galega) coa escusa da crise, reducen a aportación económica (ollo, á que están obrigadas, son os nosos impostos) practicamente a cero (si, como ledes, algún ano foi CERO céntimos de euro o que se dedicou á adquisición de novidades).

Dende o comezo da crise, a redución orzamentaria para as bibliotecas públicas anda polo 40 por cento, o cal é unha barbaridade. Case a metade. Polo que se refire (falo sempre de datos a nivel de toda España) á adquisición de novidades, o recorte chega aproximadamente á metade do que se gastaba. E, no referente ás plantillas, un de cada cinco profesionais das bibliotecas públicas perdeu o seu posto de traballo.

Daquela: bibliotecas sen recursos, sen persoal e sen novidades.

E, malia isto, elas e eles siguen adiante. Organizando moreas de actividades para traer aos máis pequenos á biblioteca, experimentando con novos formatos para que a xente moza siga acudindo, e seleccionando para nós, os adultos e adultas, moreas de posibilidades de lecturas segundo os nosos gustos. A situación é dura. Pero siguen. Quizais, e iso é unha sorte enorme para nós, porque hai poucos traballos onde os profesionais sexan máis vocacionais e, xa que logo, entregados como son as bibliotecarias e os bibliotecarios.

Elas e eles, coma ti, coma min, aman os libros e a lectura.

Por iso somos tan afortunados. Tanto.

Os comentarios están pechados.