O Nobel para Dylan, claro que si

Posted by franciscocastro - 19/10/16 at 02:10 p.m.


Non podo máis que alegrarme porque a Bob Dylan lle desen o Nobel de Literatura. Malia o moito que me gusta Philip Roth e o moito que considero que o merece, o meu segundo desexo era que o premiasen a el. Así que cando recibín a nova non puiden máis que alegrarme mundos.

Entendo que haxa moita xente a quen non lle gusta que lle dean tan importante galardón “literario” a un cantautor que fai “música”. Sen embargo, creo que este é o erro de enfoque incial, entender que premiaron a un músico. Eu non o creo. Premiaron a un escritor. Que só ten dous libros físicos, dous libros coa súa encadernación, e follas impresas e paxinación e todo iso. Pero moita, moitísima literatura escrita.

Velaquí a clave que non hai que perder de vista: é un escritor con moitísima obra publicada independentemente de onde se publicase toda esa literatura (de feito, a meirande parte das críticas que lin lémbranme ás que hai décadas os puristas do teatro facían aos actores e actrices de cine dicindo que iso non era interpretar, que o verdadeiro traballo actoral era o que se facía nun teatro).

Dylan é un poeta. Un poeta que canta e que, ademais, é brillante nos seus textos. Convén non esquecer que a poesía é literatura aínda que sexa cantada. E este home leva 50 anos, ou máis, agasallándonos cunha lírica de altura que, ademais, ten exercido unha enorme influenza xa non só noutros músicos (Lennon non sería Lennon sen o coñecer) senón tamén na maneira en que moitas e moitos escriben logo de coñecer as súas propostas estéticas.

A meirande parte dos que criticaron a decisión da Academia sueca non son quen de ver que hai literatura alén os libros. Mais hai literatura. De feito, cada día hai máis literatura que se fai e rexistra fóra dos libros. Ou non é literatura o que se leva escribindo xa dende hai máis de unha década nalgúns blogs? É cuestión de tempo que as distintas academias o entendan. E é cuestión de tempo que o conxunto da sociedade asuma que un escritor ou escritora pode selo sen publicar nin unha soa liña en forma de libro tradicional. Por iso, sempre que podo, aproveito para lembrarlle a todo o mundo (onte comentáballo así a un compañeiro doutra editorial distinta á que eu traballo, antes dun acto) que o que importa é facer lectores, e que iso é moito máis importante que vender libros. Son cousas distintas o libro e a lectura. Teñen moito que ver, pero son diferentes. Como distinta é a música e a poesía.

E a quen premiaron os suecos foi a un poeta. Non ao músico.

Os comentarios están pechados.