A pobre xente da cultura

Posted by franciscocastro - 10/10/16 at 02:10 p.m.

actor

A finais da pasada semana, AISGE, a asociación que defende os dereitos da xente da escena (teatro, cine, televisión) informaba duns datos absolutamente terroríficos (dramáticos, nunca mellor dito): que case que a metade dos profesionais galegos (48 %) non ten traballo do seu e que o 34 por cento dos actores e actrices de Galicia son tecnicamente pobres incluso sumando o que ingresan por outras actividades profesionais. Demoledor.

Repito: pobres, que non teñen para comer, que non chegan nin a metade de mes.

Dramático, demoledor, terrible. Non hai adxectivos.

Como non os hai para calificar o feito de que o dato pasase practicamente desapercibido, que fose un apunte pequeno nas noticias.

Na nosa sociedade, as xentes da interpretación, @s escritor@s, pintor@s, músic@s…todas e todos os que me deixo fóra pero que fan e pretenden vivir da cultura quedan, na súa meirande parte, aí, no intento de “vivir de”. Mais non teñen posibilidade. Por mil motivos mais, sen dúbida un deles, e non o máis pequeno, polo desleixo e desinterese que en xeral o conxunto da sociedade ten pola arte e a cultura.

(Unha paréntese: este verán chamáronme dun concello, tanto ten cal, para que lese o Pregón. Dixen que si e informei á persoa que me fixo o convite, de que os meus emolumentos eran os que marcaba a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para este mester. Dixéronme que si. Mandáronme todos os datos e…..dúas semanas antes escribiume o concelleiro dicíndome que “era moito por falar uns minutos” e que quedaba anulado. Non direi concello nin concelleiro. Teño todo por escrito. De cando en vez releo. E flipo).

Non vou entrar aquí en hábitos de consumo cultural para explicar por que pasa isto. Xa o fixen mil veces. Hoxe só quero lembrar o dato, por estarrecedor. E preguntarvos, a todas e a todos, que pasa para que unha señora como Belén Esteban se forre dicindo parvadas en programas lixo, ou que pasa para que se endeuse aos futbolistas e se lles coree ao tempo que se pasa absolutamente diante dos recortes en educación e cultura. Ou como é posible que Messi cometa fraude fiscal e haxa unha morea de xente na porta do xulgado para darlle ánimos. Ou por que se piratea tanto. Ou por que, no fondo, se entende que, como dicía Ovidio, os poetas vivimos do orballo da mañá.

Somos pobres, claro que si.

Socialmente moi pobres.

Os comentarios están pechados.