Os Libros. O amor.

Posted by franciscocastro - 05/10/16 at 02:10 p.m.

libros

Veredes: empecei a miña biblioteca cando era un cativo moi pequeno. Nunha mesa branca que tiña no cuarto que compartía co meu irmán e que servía para estudar (aínda que a min o que me gustaba era estudar na mesa da cociña; a día de hoxe escribo sempre que podo na cociña, non sei por que), alí tiña os meus propios libros ordeados segundo a data de compra. O tempo foi pasando e facendo ese costume imposible e agora teño un enorme problema de espazo e distribúo os libros pola casa, como podo, pero tamén no despacho profesional, no trasteiro, ou onde cadre…

Amo os libros e amo eses libros. Non me limito a lelos senón que fago cousas con eles. Seguro que moitas e moitos de vós, tamén.

Por exemplo: dende que son pai meto dentro debuxos de meus fillos. E algún día, cando sexa un velliño hei atopalos de casualidade cando consulte ese poemario, busque tal dato naquel manual, ou queira reler aquela aventura que me gustou tanto quen sabe cando foi que a lin. E atoparei, coma un xogo feliz comigo mesmo, aqueles trazos infantís e coloridos con aquelas dúas palabras emocionantes cos que un día me agasallaron, “quérote, papá”, ou aquela carta de letras reviradas de quen está aprendendo a escribir e que se esforza por facelo co corazón máis puro e sincero, “papá, es o mellor”. E aparecerán textos meus que nunca chegaron a nada e que almacenei dentro do libro que estaba a ler naquel momento. E recortes de xornais. E fotos. E libros lidos e traballados e suliñados e anotados.

Libros vivos cos que vivín máis a vida.

Libros que son parte da miña vida.

Que son eu.

Ámoos coma se fosen unha persoa. Ámoos porque merecen ser amados moito máis que moitas persoas. Gústame tocalos, dispoñelos nos andeis, cheiralos, sentilos meus, levalos pola rúa. Quen me ve no parque veme moitas veces lendo. Cun ollo vixío á cativa. Co outro, leo. Unha forma de voluntario estrabismo glorioso e irrenunciable.

Non entendo a vida sen libros preto de min. E dou grazas aos deuses todos, malia o meu ateísmo, por poder desenvolverme profesionalmente no mundo do libro. Son moi afortunado.

E, xa que logo, feliz.

Feliz de Libro.

Os comentarios están pechados.