No aniversario de Google, que vivan as bibliotecas

Posted by franciscocastro - 27/09/16 at 02:09 p.m.

googles-18th-birthday-5661535679545344-hp

Hoxe é o aniversario de Google. E eu, coma vós, usuario deste buscador, tan integrado xa nas nosas vidas dunha maneira tan automática, hoxe, digo que tamén existen as bibliotecas. Aí tamén se pode buscar. Aí tamén hai milleiros de bits de información. Coa particularidade de que aí, quen me guía, son persoas formadas e namoradas, precisamente, de todo o que vive dentro dos libros.

En Google buscamos rápido, de feito, moi rápido. É unha marabilla xenial. A velocidade coa que atopamos o dato requerido, abraia. Ou xa non tanto, pois cando tarda máis de dous ou tres segundos en ofrecer opcións, impacientámonos, coma se sempre as cousas fosen así de doadas. Os beneficios que nos trae o buscador, ou os outros, son innegables e só un carpetovetónico desinformado podería rexeitar a súa utilización.

Google fai a nosa vida mellor. Haino que dicir sen disimulos.

Mais, non nos enganemos, é importante que entendamos que Google non o é todo e que, sobre todo, que Google non deixa de ser un algoritmo matemático e, ademais, un algoritmo matemático condicionado por intereses comerciais. O que antes sae é ou ben porque é o máis buscado, ou porque é o máis patrocinado. E que algo suba no posicionamento de Google non implica necesariamente que ese algo, esa resposta, sexa de mellor calidade. Nin sequera máis verdadeira.

Hoxe, neste aniversario de Google, quero reinvindicar ás mulleres e homes que traballan nas bibliotecas. A algunhas delas quérolles, ademais. Quero reivindicar a esas mulleres e homes que len libros e que me escoitan cando lles digo que estou investigando sobre tal asunto para unha novela, a quen lles digo “estou documentándome sobre tal época, dime un libro onde poida ler e entender como era aquilo”. E elas saben. E eu aprendo e melloro e escribo mellor.

Porque eu fun ese neno que ía á biblioteca da Caja de Ahorros Municipal de Vigo, na rúa Colón, os sábados pola mañá, para empezar a entender que era iso da literatura, e alí había sempre dúas señoras amables que, aínda que eu non chegaba nin á cabeceira do mostrador, xa sabían guiarme, hoxe reivindico as bibliotecas. Porque eu fun ese rapaz novo que, na biblioteca da facultade de Filosofía de Santiago soubo navegar entre aqueles volumes porque barbudos bibliotecarios coñecían aquilo mellor que a súa casa, reivindico as bibliotecas.

Hoxe, que vivan as bibliotecas.

Os comentarios están pechados.