Freud e as eleccións do domingo

Posted by franciscocastro - 23/09/16 at 02:09 p.m.

sigmund-freud

Hai hoxe 77 anos que morría Sigmund Freud, un dos filósofos da sospeita, é dicir, un dos poucos que se encargou de sinalar que debaixo de todos eses discursos de racionalidade, de sentido común, de patria, de ben común, de cidadanía e de non sei que e de non sei canto, o que hai é pulsión, desexo, violencia, amor radical, animalidade. Xunto con Nietzsche e Marx foi dos primeiros en amosar que aquilo de que somos un becho guiado pola razón, que non é certo ou que non o é de todo, e que tira máis de nós o impulso irracional animal que calquera outra cousa. Grazas aos seus estudos, moi pouco científicos por outra banda, pero dabondo inspiradores, certa liberación sexual foi posible (non por el e o que dixo, só digo que algo axudou) ao facer ver que a sexualidade, o goce, a satisfacción dese impulso vital que é o sexo (un dos inventos da vida para perpetuar a especie, pero, sobre todo, un dos grandes inventos da cultura para garantir a felicidade), era máis esencial que a razón.

O máis valioso do seu legado é que situou o concepto de “represión” no centro do discurso. Quizais el non esperaba que tivese as prolongacións políticas que logo tiveron certas afirmacións, porque os filósofos da Escola de Francfort souberon aplicar as súas teses á política para facer ver que os estados organizan as súas leis, normas, tradicións e burocracias, para reprimir aos individuos e así obrigalos a centrarse no único que, seica, lles pode dar pracer: traballar, consumir, “progresar”. Por iso cómpre sacudirse a represión e loitar pola liberdade e a felicidade.

O domingo hai eleccións. Non vos reprimades e pensade nun mundo distinto. Porque non é certo que só é posible este mundo tal cal é. E non é certo que as cousas son así e non poden ser doutra maneira. E non é verdade que o sistema produtivo teña que estar por enriba da xente. E etcétera.

Non vos reprimades á hora de soñar cando votedes. Seremos, todas e todos, máis felices se hai cambios.

Os comentarios están pechados.