Invisibles

Posted by franciscocastro - 07/09/16 at 02:09 p.m.

soldado

Hoxe coñecimos un informe de UNICEF que explica que no mundo hai arredor de 50 millóns de nenos e de nenas obrigados a vivir fóra das súas casas e dos seus países e a quen temos en situación de risco de morte inmediata. Coma sempre, quero que o digamos ben. A frase non pode ser que hai 50 millóns de nenos vivindo fóra das súas casas e en perigo, como practicamente hoxe todo o mundo dixo. A frase correcta é a que eu escribín. Porque toda esa xente desprazada, toda esa xente que escapa, toda esa xente que fuxe do horror, todos eses nenos e nenas que son deixados atrás, que viven na rúa, que dormen onde poden, que se alimentan, por dicilo dalgunha maneira, cos refugallos das sobras do excedente do que se nos cae aos que nos sobra de todo, están así, potenciais mortos infantes, pola nosa causa. Non é un estado natural o exilio, a condición de refuxiados, a morte infantil, que os mutilen ou as violen ou comercien con elas e eles. Non é algo natural. É algo causado. Por nós. Polo planeta humano enteiro, hipócrita e insensible.

Son 50 millóns. Son un mundo deles.

E, malia seren tantos, son invisibles.

Os comentarios están pechados.