Michael Ende, Rajoy, Pokémon Go. A Nada.

Posted by franciscocastro - 01/09/16 at 02:09 p.m.

Ende

Hai 37 anos que se publicou o libro de Michael Ende, “A historia interminable”. A meirande parte da xente coñece este libro pola pésima adaptación cinematográfica dos 80 (o autor desexoulles aos produtores “que os agarrase a peste”, e dixo da película que había que “afundila no Vesubio”), pero detrás hai un libro marabilloso, cheo de matices e que conta moitísimo máis que a historia que o celuloide nos legou.

Todos coñecemos a historia: A Nada vai avanzando a medida que desaparece Fantasía. Se ninguén o impide, os humanos vivirán para sempre nesa escuridade perpétua unha vez que A Nada teña acabado con todo o reino de Fantasía.

O libro, xa que logo, fala da nosa realidade.

Porque iso é o que nos está a pasar.

A Nada (Rajoy, as tatuaxes dos futbolistas, Pokemon Go, a fatuidade de certo uso das redes sociais…) invade todo. As cousas con significado, o que nos fai sentir vivos pero de verdade, o que nutre de sentido a vida (todo iso que está en Fantasía) esmorece diante dunha Nada esmagante que non deixa nada dentro de nós e que nos deixa, así, baleiros. Cheos de nada. De nada en absoluto.

Os comentarios están pechados.