Pero que nos pasou? (Un artigo filosófico)

Posted by franciscocastro - 31/08/16 at 02:08 p.m.

pensando

É un tópico da Filosofía (canto mo escoitaron os meus alumnos e alumnas cando eu era profesor) dicir que o ser humano é o único animal que se fai preguntas. É certo e é así. Somos un animal que pregunta, que se interroga, que lle busca o senso derradeiro as cousas. Un becho coa capacidade de asombrarse diante da realidade. Por iso, dende o principio da nosa existencia como Animal Racional, buscamos respostas a mil interrogantes que se nos aparecen diante dos ollos e diante do pensamento e a imaxinación. Que son esas luces de aí enriba no ceo. Por que ese volcán bota lava. Por que hai estacións. E moitas, moitas preguntas relacionadas con  nós e coa nosa vida. Por que nacemos. Por que morremos. Como debemos vivir… A nosa natureza, pois, é inquisitiva. A nosa natureza é, polo tanto, inconformista. Non nos vale calquera cousa e por iso, claro, prodúcese o progreso científico. E por iso cada vez as fronteiras do coñecemento se expanden máis. E por iso, cada día que pasa, somos, globalmente falando, máis sabios.

Debido a isto, dende sempre as relixións e os ditadores e os que delas e deles viven traballaron arreo contra a ciencia e os científicos, contra os filósofos e as súas teorías, contra os libros e todo o que agochan dentro. Por iso sempre dicimos que ler é político, porque nos fai pensar noutros mundos. E as relixións o que queren é que o mundo quede como está. Por iso, case que sempre, se poñen en liña coas políticas “conservadoras”. Ao preguntar, buscamos respostas. E esas respostas adoitan mobilizarnos para cambiar a realidade que non nos gusta. Aí as relixións, as ditaduras, os totalitarismos, sofren.

Todo isto, en realidade, só quere ser un prólogo para preguntarnos que foi que nos pasou para que, a día de hoxe, un teña a sensación de que a xente vive sen facerse moitas preguntas, sen cuestionarse nada, aceptando, máis ou menos, que as cousas son como son, que están como están e que non se pode facer nada por modificar nada. Como é que nos esquecimos de interrogarnos, de preocuparnos e, loxicamente, de tentar cambiar as cousas para mellor.

Hoxe erguinme filosófico, así que disumulade.

Os comentarios están pechados.