A hipocrisía internacional con Siria e os refuxiados

Posted by franciscocastro - 30/08/16 at 02:08 p.m.

Refuxiado

Hoxe cúmprense 219 anos do nacemento de Mary Shelley, a autora, con só 19 anos, de “Frankenstein ou o moderno Prometeo”, a primeira obra da ciencia ficción tal e como hoxe o coñecemos. Máis aló da deformación (ás veces xenial) feita polo cine (que nolo fixo descobrir a moitos), o certo é que como acontece con todos os clásicos, Frankenstein, a súa figura, contén unha mensaxe que vale para hoxe en día (iso dicía Italo Calvino dos clásicos: un libro que ten unha mensaxe para a súa época e para todas as épocas). Frankenstein, como ten sinalado algún analista, é coma un refuxiado nos nosos días: ninguén o quere ao seu carón. Fuxe porque é perseguido. E, coma os refuxiados, só quere vivir en paz. Ser, no senso máis básico da palabra, normal.

Dito isto, falo do que de verdade quero falar: da hipocrisía internacional diante do conflito sirio e os refuxiados. Porque hoxe sabemos, e sabémolo ao mesmo tempo e nos mesmos xornais, que en 24 horas houbo que rescatar a 6500 persoas no Mediterráneo (si, escribín ben, 6500 persoas), coma a criatura de Shelley, despatriados que xa non pertencen a ninguén e que, seica, ninguén quere acoller. Xentes que escapan da violencia, moitas delas e deles, de Siria. E aí é onde entra a outra noticia: a ONU asinou nos últimos tempos contratos con empresas afíns a Asad (rexentadas pola súa esposa) e os seus familiares. Falamos de aproximadamente 8.5 millóns de euros para unha empresa supostamente benéfica dirixida pola súa dona (e considerada polos Estados Unidos e a Unión Europea unha das persoas suxeitas a sancións polo conflito sirio) e contratos cun primo seu (700.000 dólares), así como outros contratos con empresas rexentadas por xeques, algunhas destas asociacións e entidades, perseguidas por corrupción nos Estados Unidos. A información, elaborada por The Guardian, conta como axudas da ONU para o pobo Sirio rematan gastándose en hoteis de luxo para o séquito do ditador.

Agora imaxinade todo o que se podería facer con eses cartos por todos eses perseguidos e refuxiados, coma a criatura, inmorrente, de Mary Shelley.

Os comentarios están pechados.