Matar de novo ás 13 Rosas

Posted by franciscocastro - 05/08/16 at 02:08 p.m.

13-Rosas-fusilamiento-franquismo

Hoxe cúmprense 77 anos do asasinato (non digades “execución”, como se fose o cumprimento dunha lei, foi un asasinato covarde) das coñecidas como  As 13 Rosas, aquelas mulleres que por defender a liberdade, a xustiza e a democracia, pagaron coa súa vida, curta, esa actitude decente. Non as mataron por criminais ou perigosas antisociais. Matáronas por decentes. Por ser republicanas e mulleres.

As redes sociais lémbrannos a brutalidade daquel feito espantoso coma tantos outros que naqueles días salvaxes, e nas décadas que seguiron, se cometeron.

O que quero sinalar hoxe aquí é que, 77 anos despois, non é unha parvada pensar que lles podería volver a pasar o mesmo. Nas mesmas redes sociais, nomeadamente no twitter, no que se fala disto, hai outras voces que protestan pedindo “que se peche dunha vez o da guerra”, que se “deixe de dar a paliza coa represión franquista” ou exclamando que brutalidades houbo polos dous bandos (cousa que non é de todo certa), ou que coa democracia todo isto xa está superado (o cal si que é unha brutal e interesada mentira). E non é así.  Curiosamente, os que se expresan dun xeito crítico hoxe nas redes con esta lembranza, son, inevitablemente, afíns ao partido que sigue sen condear o franquismo e que deixou sen un peso de orzamento á Lei de Memoria Histórica. Rajoy e Rivera téñeno dito moitas veces, que non hai que “remover nas feridas” e que “hai que deixar aos mortos en paz”. Por suposto: unha boa maneira é sacándoos das fosas comúns.

Hai tanta violencia no ambiente, tanto afán revanchista (os franquistas nostálxicos), tanta mala hostia solta, que as 13 Rosas, de vivir hoxe, serían fusiladas de novo. Non sei se cun asasinato. Igual non deixándolles traballar, promovendo a súa marxinación ou quitándolles a voz como fose. Eran mulleres. Eran republicanas. Eran ceibas. Para moitas e sobre todo para moitos, eses tres argumentos ben merecen a exclusión e o afastamento. Para que apodrezan as rosas.

Os comentarios están pechados.