Sobre o prezo dos libros

Posted by franciscocastro - 03/08/16 at 12:08 p.m.

Prezo

Crédeme: os libros non son caros. Mercar un libro é mercar ocio e coñecemento para moito tempo. Ás veces, ocio e coñecemento para varias xeracións. Merco os meus libros e sei que outros despois de min, os meus fillos queridos, gozarán tamén da súa lectura e preguntaranse: por que meu pai suliñaría esta frase. Dialogarán comigo cando eu xa non estea. Como fan os lectores e lectoras. Que están a dialogar cos que escribimos. Sensibilidades que se atopan no espacio e tamén no tempo. Corazóns que se tocan. Non hai cartos que poida pagar iso. Ou que Simbad o Mariñeiro salga a navegar cando eu llo pida. Só abrindo o libro que teño na casa e que merquei hai tantísimos anos Simbad sae navegar. E podo volver a el. Volver aos libros que xa teño e volvelos ler. E volver gozar así dunha das drogas máis marabillosas que consumismos os que amamos os libros e que é, precisamente, o feito de ler. Porque os que somos lectores somos adictos ao pracer da lectura. Pero ollo, esta é unha adicción á que non se chega por casualidade. Se somos adictos á lectura é porque nalgún instante sublime da nosa infancia alguén nos introduciu nela. Mestres ( tan pouco valorados), bibliotecarios ( tan abandoados ), mediadores de todo tipo, coma os libreiros , e sobre todo, as familias, elo fundamental da que depende o noventa por cento do éxito de calquera campaña de lectura. En definitiva, se terminamos sendo gozosos adictos da lectura é porque o conxunto do sistema educativo confabulouse, por dicilo cunha fórmula xa célebre, para que leamos.

Os comentarios están pechados.