Máis sobre a Industria Cultural e Creativa

Posted by franciscocastro - 01/08/16 at 02:08 p.m.

Creatividade

Hai uns días publiquei un artigo que titulei Falemos en serio de Cultura e Industria Cultural no que, entre outras cousas, demostraba con datos económicos concretos a importancia das empresas culturais en Europa e da industria cultural como xeradora de emprego e de beneficio económico. Escribino como unha petición de “respecto” para as traballadoras e traballadores da cultura e as empresas culturais que non só nos dán, pois iso, elementos culturais (cine, literatura, videoxogos…o que sexa) senón que ademais son un activo económico importantísimo.

Quixera, visto o interese con que se comentou o anterior, tanto nas redes como en comunicacións privadas, completar algo esa información que demostra que a industria cultural é un dos sectores máis produtivos da cultura occidental e que, xa que logo, merece (por iso falo de “respecto”) o apio das administracións e un coidado especial por parte dos gobernos (por aquí, xa sabedes, castígase co 21 por cento de IVE…).

Se no anterior post falaba das cifras a  nivel europeo, hoxe quero, simplemente, comentar que en España somos 625.000 traballadoras e traballadores nas empresas creativas segundo os datos que nos ofrece o informe ARDAN 2016, representando, as industrias culturais e creativas españolas, o 4.2 % do Produto Interior Bruto, ou, o que é o mesmo, QUE A SÚA IMPORTANCIA ECONÓMICA É SUPERIOR A SECTORES BÁSICOS COMO A AGRICULTURA OU A ENERXÍA.

Así que volvo ao que comentaba o outro día. Todos entendemos que cando Rajoy, ou Feijóo, ou quen toque, fala de que a Agricultura é importante para o país, ou que o Sector Enerxético é crucial, que leva máis razón ca un santo. É indubidable e non necesitamos que nos ofrezan datos para ter claro que a agricultura ou o mundo das empresas de enerxía son cruciais para o estado xeral económico dun país. Vale. Pois daquela, se o sector cultural, con datos na man, con cifras na man, supera eses indicadores, a que vén o maltrato sistemático dos que nos gobernan?

Os comentarios están pechados.